Nenos do Cordo Boullosa repoboan de troita o Verdugo
Por Redacción
Preto de corenta nenos e nenas de terceiro de Primaria do colexio Manuel Cordo Boullosa soltaron este martes 150 exemplares de troita no río Verdugo.
A actividade estivo supervisada polos técnicos do servizo de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente.
Os exemplares eran maioritariamente duns 20 centímetros de lonxitude, pero tamén había varios con envergaduras de ata case 30 centímetros. As troitas coñeceron así o seu novo hábitat e terán tempo de adaptarse antes do concurso internacional de pesca que se celebra con motivo da festa máis senlleira de Ponte Caldelas, a Festa da Troita.
Víctor Rial, capataz do servizo, destacou que todas as troitas son exemplares capturados con motivo das limpezas periódicas que se efectúan na contorna das minicentrais eléctricas do Verdugo, polo que, simplemente, trasladáronse río arriba. Son exemplares adultos e perfectamente adaptados ás condicións destas augas.
Os técnicos subliñaron que o nivel de supervivencia é practicamente total nestas condicións e tamén garántese unha maior capacidade reprodutora. O peixe foi liberado no couto dedicado á captura sen morte, é dicir, con obriga de devolver as pezas que piquen ao río.
Os exemplares de troita chegaron nunha furgoneta pick-up especialmente adaptada para levar un colector de auga e con todos os utensilios necesarios. Os técnicos foron os encargados de asesorar aos rapaces no procedemento da solta, aínda que, como é habitual, houbo dificultades para manter as escorregadizas pezas na man.
Os nenos, previamente á solta e acompañados polos seus profesores, recibiron unha completa explicación por parte dos técnicos de Medio Ambiente tanto sobre a vida no medio natural, como a cría e as actividades de repoboación.
Relacionadas:
-
A escola infantil de Ponte Caldelas, a punto para o inicio do curso escolar
Por Redacción |
-
A Festa da Troita remata o seu periplo polo rural de Ponte Caldelas con máis de 1.500 racións consumidas
Por Oskar Viéitez |
-
O "campanu" do Lérez cae no coto de Bora
Por Ramiro Espiño |
-
A Festa da Troita segue o seu periplo polo rural batendo records de participación
Por Redacción |
-
As degustacións previas á Festa da Troita comezan este domingo 29 en Anceu
Por Redacción |
-
Comeza a exposición pública dos carteis e fotografías do concurso da Festa da Troita
Por Redacción |