A Xunta da luz verde á ampliación de Connorsa e a creación de novos postos de traballo
Por Oskar Viéitez
A Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo vén de remitir ao Concello de Vilaboa o informe previo a aprobación inicial da modificación puntual ao planeamento de Vilaboa, co que se facilita a ampliación das instalacións da empresa Conservas del Noroeste S.A (Connorsa).
A tenente de alcalde do Concello de Vilaboa, Ornela Fernández Salgado (BNG), salientou que "para nos esta é unha cousa moi positiva porque foi por unanimidade dos tres grupos aprobar a ampliación de Connorsa".
Ornela lembrou que "xunto coa cofradía de mariscadores é a empresa máis importante do noso concello e nesta época de crise é unha noticia moi positiva", tendo en conta que "a maioría dos traballadores son dos noso concello".
Trátase da segunda modificación puntual das normas subsidiarias de Vilaboa vixentes dende 1988, que foi impulsada polo Concello de Vilaboa, despois de que a empresa amosase á administración local a necesidade de ampliar as súas instalacións en 20.000 metros cadrados, para poder continuar a súa actividade dentro do concello.
"Nos agora seguiremos cos trámites", dixo a tenente de alcalde que é aprobar inicialmente no pleno municipal e expoñelo ao público, ao tempo que se solicitan os informes sectoriais correspondentes. A aprobación definitiva é unha competencia do Consello da Xunta, previo informe na Comisión Superior de Urbanismo.
Esta conserveira localízase no fondo da ría de Vigo, na beira oeste da Enseada de San Simón, e próximo ao núcleo de Acuña, na parroquia de San Martiño de Vilaboa. A ampliación das instalacións realizaríase cara o suroeste, ao pé do Monte Croa e seguindo o trazado do camiño existente paralelo á costa.
No ano 2000 o municipio contratou a redacción dun PXOM que tivo dous Informes Previos a Aprobación Inicial, pero aínda non foi aprobado inicialmente polo pleno municipal.