Pontevedra, contra o "masacre" a Palestina: "É un xenocidio lento pero sistemático"
Por Alejandro Espiño
As bandeiras do Concello de Pontevedra ondean a media hasta. Fano para mostrar o rexeitamento do pobo pontevedrés ante a represión de Israel contra as protestas na franxa de Gaza, ante o traslado da embaixada de Estados Unidos a Xerusalén e o 70 aniversario da creación do Estado de Israel.
Esta acción militar, que foi condenada pola comunidade internacional, provocou 60 mortos e máis de 2.700 feridos en Palestina.
Pontevedra sumouse este martes á indignación social cunha concentración simbólica na que o alcalde denunciou que Israel practica contra Palestina un "xenocidio lento pero sistemático". Para Miguel Anxo Fernández Lores "non hai outra forma de chamalo".
Fernández Lores acusou a Estados Unidos de romper un pacto "histórico" e trasladar a súa embaixada a Xerusalén, algo que supón unha "provocación" para o pobo palestino e que dificulta que se poidan retomar as conversacións de paz.
Israel, engadiu, non cumpre " ningunha" das resolucións da ONU sobre Palestina e, ante esta situación, a Unión Europea e o Estado español "se poñen de lado".
Na concentración, o goberno municipal do BNG estivo apoiado por edís de PSdeG-PSOE, Marea, Cidadáns e Partido Popular, así como por diferentes alcaldes da provincia, que participaban nunhas xornadas de mobilidade na Deputación de Pontevedra.
Tamén acudiron membros do goberno provincial, entre eles a súa presidenta, Carmela Silva, que non dubidou en denunciar o "masacre" provocado por Israel na franxa de Gaza.
"O que está acontecendo en Gaza non ten calificativo posible", dixo Silva, que mostrou o seu rexeitamento, indignación e enfado ante un ataque "absolutamente vergonzoso" ante o que a comunidade internacional "non pode estar en silencio".
A presidenta provincial asegurou ademais que o Goberno español "non me representa" cando pide "contención" a ambas as partes para evitar máis vítimas en Gaza. É o pobo palestino, dixo, o que está a ser "asasinado" e desde Israel "disparan aos xeonllos para que a xente quede inválida", polo que a eles non é a quen se lles debe pedir esta contención.
"Hai que esixir a Israel que pare xa esta masacre", engadiu, uns feitos ante os que "todo o mundo se ten que levantar", xa que entende que o silencio é "cómplice" deste tipo de comportamentos. "Quero un goberno que saia a dicir que se vai a poñer do lado dos débiles, dos que están sendo asasinados", reclamou Silva.