Investigan un furtivo pontevedrés por furto e danos intencionados no vehículo da confraría de San Telmo
Por Redacción
A Garda Civil investiga penalmente un veciño de Pontevedra, con antecedentes por furtivismo, como suposto autor dos danos ocasionados de forma intencionada no vehículo do servizo de Gardapescas Marítimos da confraría de pescadores de San Telmo.
Segundo informaron fuestes oficiais do instituto armado, os feitos ocorreron durante a madrugada do día 21 de febreiro na praia de Combarro. Os efectivos do servizo de Guardapescas deixaran estacionado o vehículo nas proximidades do areal para identificar a tres furtivos que estaban a extraer ameixa.
Os furtivos conseguiron darse á fuga e cando os vixiantes regresaron observaron que o coche fora golpeado, supostamente cunhas pedras, sufrindo danos na chapa e nas lúas das portas dianteiras. Ademais dos danos materiais, cuxa reparación superou os 600 euros, os vixiantes tamén denunciaron que lles subtraeran algúns obxectos de uso profesional que levaban dentro do maleteiro.
Poucos días despois, os vixiantes do servizo de Gardapescas reciben unha información de que os obxectos, que finalmente se puideron recuperar, estaban tirados no medio dunhas silvas, nas proximidades da igrexa de Combarro.
Por mor das investigacións realizadas polo posto da Garda Civil de Pontevedra púidose pescudar a identidade da persoa que supostamente arroxara os obxectos subtraídos na zona onde foron atopados. Resultou ser un veciño de Pontevedra, de 33 anos, con antecedentes por furtivismo na zona de Poio e Vilaboa, ao que se lle notificou a súa condición de investigado como suposto autor de senllos delitos de danos e furto.
As dilixencias instruídas entregáronse no xulgado de instrución de garda de Pontevedra, onde deberá comparecer esta persoa cando sexa citada.
Relacionadas:
-
A Garda Civil sorprende un mariscador furtivo que faenaba usando unha táboa de surf en Chancelas
Por Redacción |
-
Os gardapescas da confraría San Telmo destacan unha reducción do furtivismo
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada
-
Un furtivo de Poio, interceptado en Portonovo cun cento de quilos de ameixa
Por Redacción |
-
Interceptan en Poio un furtivo reincidente con 20 quilos de ameixa
Por Redacción |
-
Catro coñecidos furtivos, cazados de novo con 80 quilos de ameixa da ría
Por Redacción |
-
Detido no Vao o furtivo que impactou cunha patrulla da Garda Civil da que fuxía
Por Natalia Puga |
-
Incautados preto de 40 quilos de ameixa extraída por mariscadores furtivos na praia de Combarro
Por Redacción |