Pontevedra convoca os oito primeiros cursos do seu plan de formación
Por Alejandro Espiño
Oito cursos nos que participarán 120 persoas. É a primeira acción que convocou o Concello de Pontevedra dentro do seu plan de formación, segundo aprobou este luns a Xunta de Goberno municipal.
O portavoz do goberno, Raimundo González, explicou que o Concello axilizará "o máis posible" os trámites administrativos e burocráticos, para que estes cursos poidan comezar a impartirse canto antes.
En concreto, convócanse dous cursos de atención sociosanitaria a dependentes (530 horas cada un), dous cursos de auxiliares de almacén (370 horas), dous cursos de atención á infancia, monitor de lecer e actividades de tempo libre (360 horas) e dous cursos de viticultura, enoloxía e cata (260 horas).
Cada un destes cursos contará cun máximo de quince alumnos.
Os técnicos dirixiranse ao Servizo Público de Emprego da Xunta de Galicia, que será o organismo que remita a lista de candidatos e candidatas para participar neste plan de formación. Estar anotado como demandante de emprego será un requisito imprescindible, do mesmo xeito que ser maior de 18 anos.
A partir de aí establécense unha serie de requisitos polo que, cada unha das persoas anotadas, reciben puntos. Entre elas, estar empadroado en Pontevedra seis meses antes da convocatoria dos cursos, non ter participado en edicións anteriores ou o tempo que leva esa persoa en paro. Haberá, ademais, unha entrevista persoal.
Os trinta primeiros deste proceso de selección, en cada un dos cursos, accederán ao plan de formación e recibirán, xunto cos estudos correspondentes, unha bolsa de entre 330 e 350 euros ao mes, a razón de 15 euros ao día por alumno.
Raimundo González quixo destacar que esta medida forma parte do compromiso alcanzado con Marea Pontevedra e con PSdeG-PSOE para aprobar o orzamento municipal.