Colectivos animalistas lamentan que máis de 13.000 raposos foron abatidos en Pontevedra desde 2011
Por Oskar Viéitez
Os colectivos animalistas Libera! e a Fundación Franz Weber aseguran que, segundo datos oficiais no período 2011-2017, a cacería de raposos na provincia de Pontevedra supuxo a morte violenta de 13.216 mamíferos.
Os animalistas sinalan que non son mortes por ano natural, xa que a tempada esténdese pouco máis de tres meses ao ano, normalmente entre outubro a xaneiro, co que o número de animais tiroteados concéntrase nun número de días reducido, podendo non ser cazados tampouco todos os días da semana.
Estes colectivos obtiveron estes datos despois de realizar unha solicitude de información á Consellería de Medio Ambiente, de onde se desprende tamén que desde 2011 autorizáronse 85 competicións de caza de raposo con cans en Galicia.
Ademais dao "evidente masacre animal" estes colectivos mostraron a súa preocupación polo impacto ambiental destas batidas porque a "inxesta accidental dos perdigones de chumbo provoca a morte por envelenamento de miles de aves cada ano". O uso de munición de chumbo segue sendo legal en Galicia.
Libera! e a Fundación Franz Weber critican lembran que a caza de raposos foi "reiteradamente subvencionada con diñeiro público", a través de convenios coa Secretaría Xeral para o Deporte e a Consellería de Medio Ambiente, "desde onde mesmo se convocaron xornadas para promocionar a caza entre a mocidade, transmitindo a idea de que masacrar animais é algo educativo e saudable".