A Praza da Pedreira fai "chinchín"
Por Redacción
A Praza da Pedreira, fronte ao Pazo de Mugartegui, sede do Consello regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas, acolleu este sábado un brinde colectivo para celebrar o Día Movemento Viño DO.
Os asistentes puideron catar de maneira gratuíta unha trintena de caldos Rías Baixas nun ambiente festivo que contou coa actuación do grupo local La casa de los ingleses.
De maneira simultánea coas outras 28 denominacións de orixe de toda España, os asistentes na Pedreira chocaron as súas copas da man do secretario xeral da DO Rías Baixas, Ramón Huidobro.
A iniciativa partía da Conferencia Española de Consellos Reguladores Vitivinícolas (CECRV), organización que representa a todas as denominacións de orixe de viño e puido seguirse a través das redes sociais co hashtag #DíaMovimientoVinoDO.
Moitos participantes compartiron fotos co hashtag #SelfieDíaVinoDO en Twitter ou Instagram. Isto deulles a oportunidade de entrar no sorteo dunha experiencia enoturística nunha das Rutas do Viño de España, que incluía unha noite nun hotel ou casa rural, en réxime de aloxamento e almorzo; unha comida ou cea baseadas na gastronomía característica da ruta acompañada de viños con denominación de orixe e unha visita a algunha das adegas.