A Policía Local de Poio esclarece un sinistro viario con fuga e conducción temeraria
Por Oskar Viéitez
A Policía Local de Poio esclareceu un sinistro viario con fuga e conducción temeraria ocorrido arredor das 8,00 horas da mañá do venres 11 de maio na rúa Antelo Mariño, confluencia con rúa Valiña.
Os axentes municipais que inspeccionaron o lugar dos feitos concluiron que un vehículo saíu da vía danando gravemente o peche da parcela da antiga Cocacola, e levando por diante unha sinal de tráfico, ademais de marchar do lugar sen facilitar os datos nin alertar as forzas de seguridade.
Segundo informaron fontes oficiais da Xefatura da Policía Local, iniciouse unha investigación para lograr dar co responsable e unha vez realizadas a pesquisas necesarias púidose averiguar que o accidente foi sobre as 5:30 horas da madrugada e que o condutor e dous ocupantes nunha condución temeraria saíron da vía levando por diante un muro de bloques e unha sinal de tráfico, quedando o vehículo sinistro total, sen resultar feridos os ocupantes.
Tras o impacto agocharon o vehículo da marca Seat Ibiza de cor negro nun garaxe e volveron ao lugar do suceso para recoller os anacos da defensa entre outras pezas.
Gracias ao cruzamento de datos entre Policía Local e Garda Civil, sobre as 19 horas a Policía Local localizou o vehículo e identificou ao responsable do sinistro viario, un mozo veciño de Poio foi denunciado por non avisar as autoridades do accidente, ademais de ser sancionado por condución temeraria. Posteriormente procederase á reclamación de danos privados e a reclamación por parte do Concello da sinal de tráfico esmagada.
Estos feitos derívanse de actos irresponsables, que poden acarrexar danos moi graves nas persoas e nas cousas, para o esclarecemento destes casos en moitas ocasións a colaboración veciñál é fundamental, polo que de observar feitos similares as autoridades agradecen que se poñan en contacto coa Policía Local.