María Cacabelos: "en VISTAOPTICA coñecemos os clientes polo seu nome"
VISTAOPTICA cumpre dous anos en Pontevedra. Á fronte do seu establecemento da rúa Joaquín Costa, 27, atópase María Cacabelos, unha óptica-optometrista que, despois de 15 anos traballando a moitos quilómetros da súa casa, decidiu regresar e apostar por un negocio na súa propia cidade. Unha historia na que se mestura o amor e o traballo.
"Estudei na Universidade de Santiago e aos poucos días de acabar a carreira xa tiña traballo". Foron uns anos intensos, en diversos puntos de España. O seu último destino, a illa de Gran Canaria.
"A miña familia xa levaba un tempo dicindo que volvéramos pero eu non o tiña claro", ata que unha serie de casualidades precipitaron a decisión: "decatámonos de que a dona deste local [un ultramarinos] xubilábase" e, tras falar con ela, a pesar de que tiña moitas ofertas, "a señora insistiu en que quería que fose para nós". A esta circunstancia, sumábase un bebé en camiño. E entón a resposta foi clara.
María Cacabelos e Miguel Santana combinan á perfección proxecto familiar e profesional. E esta filosofía de vida trasládana ao trato co cliente: "é moi importante que haxa boa comunicación entre o equipo" e cara ao público, "o ti a ti, coñecer aos clientes polo seu nome, saber a súa historia..." e, á súa vez, que eles teñan sempre á súa óptica-optometrista de referencia.
Para desmontar mitos sobre a visita á Óptica, onde segue habendo a crenza de que van tentar venderche lentes custe o que custe, cóntannos a anécdota dun pai que acudiu co seu fillo pequeno. Tras facer a revisión, María recomendoulle que, de momento, o neno non necesitaba lentes e que regresase en 6 meses para ver a evolución. O pai quedou sorprendido.
É por iso que animan a que a xente se achegue a VISTAOPTICA Pontevedra para realizar unha revisión totalmente gratuíta, un hábito básico para poder corrixir a tempo problemas de visión: "sabemos que, en adultos, un problema visual que non se atende en dous anos, a tendencia é a que empeore".
Para adultos, recomendan unha revisión cada dous anos, se non existe un problema que requira outros tempos; e, para nenos, unha vez ao ano. Neste sentido, María ofrece unhas pistas aos pais que delatan un posible problema de visión nos nenos: "se o neno mentres fai unha tarefa do colexio ou está coa tablet comeza a torcer a cabeza, ou frega un ollo, achégase moito, di que lle doe a cabeza ou, simplemente, mostra falta de interese por facer un traballo de preto".
Outro punto que merece unha aclaración é o das lentes de sol. Por que protexerse? "Porque a córnea é a parte máis sensible do corpo e o ollo está sometido habitualmente á absorción da lonxitude de onda da luz". Mesmo en días nubrados habería que estar atento. Se hai moita luz, hai que protexerse, igual que facemos coa pel, porque en ambos os casos "o efecto do sol é acumulativo e a longo prazo veñen as consecuencias".
Desde VISTAOPTICA advirten que non vale calquera lente de sol para protexerse, polo que habería que desconfiar das que se venden en bazares. Mesmo, como óptica-optometrista, María alerta que, en moitos casos, nas lentes que se venden fóra dun establecemento sanitario falsifícanse as etiquetas, polo que non estariamos protexidos. Noutros, aínda que as lentes indiquen correctamente que levan o obrigatorio filtro UV, hai que saber que, "nunhas lentes de sol sen control sanitario, o grao de protección vai ser o máis baixo dentro dos UV, case coma non levar lentes".
Como podemos entón estar seguros de que unha lente de sol vai protexernos? "Esa garantía de seguridade só pódecha dar unha óptica, como establecemento sanitario que é". E o mesmo aplícase a outro tipo de lentes, agora que se puxeron de moda unhas pequenas lentes para ler que en mercadiños véndense por tan só un euro: "en realidade, actúan como lupas. Quizais para un uso ocasional, como ler unha etiqueta no supermercado, non pase nada, pero o seu uso continuado pode provocar consecuencias, como un aumento descontrolado da presbicia, ao elixir gradacións por enriba da necesaria (ver máis grande non significa ver mellor). Ademais, lagrimexos, cefaleas, fatiga ocular, son síntomas frecuentes tras dun uso prolongado deste tipo de compensación óptica. Mesmo hai posibilidade de xerarse erros de gradación en visión afastada debido ao mal uso deste tipo de lupas".
VISTAOPTICA é unha gran cadea que conta con 90 ópticas e 50 anos de experiencia dentro do sector. Ao montar o seu establecemento, María e Miguel sopesaron diversas opcións de franquía. Pero unha reunión cos responsables da marca en Barcelona foi definitiva: "a proximidade con que nos trataron" e o feito de que, a diferenza doutras franquías, "dan ao óptico moita autonomía, tanto no seu traballo coma no produto e na decoración do local".
Ademais, estar amparados por unha gran marca, permítelles poder ofrecer uns prezos moi competitivos aos seus clientes "mantendo loxicamente o mínimo de calidade que nos esiximos ao ser un establecemento sanitario". Para María Cacabelos, a saúde ocular non pode ser un artigo de luxo e, por iso, ofrece posibilidades de financiamento sen intereses e compra a prazos desde 20 euros ao mes.
Este compromiso coa saúde queda manifesto tamén no convenio que teñen co SERGAS, como Centro Óptico Concertado: "derívannos o paciente do médico de cabeceira para facer unha revisión e se eu detecto que ten unha anomalía que se pode solucionar con lentes ou lentes de contacto, cubro unha ficha coas indicacións para o médico de cabeceira ou ben, se se necesita outro tratamento médico, entón derivaríase ao especialista, que é o oftalmólogo". Deste xeito, actúan de intermediarios entre a atención primaria e o especialista e contribúen a liberar as listas de agarda da Sanidade Pública.