Os sanitarios de atención primaria adestran manobras de resucitación
Por Oskar Viéitez
Preto de 200 profesionais sanitarios participarán nun proxecto de formación para adestrarse ante unha emerxencia cardiovascular no lugar de traballo no horario de traballo. Este xoves comezou no centro de saúde de O Grove a primeira fase deste proxecto, para logo ir estendéndose a outras localidades desta área de xestión integrada.
Así, durante o presente de maio e o vindeiro de xuño formaranse a facultativos e persoal de enfermería dos centros de saúde de Vilanova de Arousa, Cambados, Marín, Cerdedo-Cotobade, Bueu, Cuntis, Moraña, Pontevedra, Sanxenxo, Meaño e Poio.
A Rede de Capacitación Sanitaria REDCASA é un proxecto de adestramento dos profesionais do Servizo Galego de Saúde, que ten por obxectivo capacitarlles mediante a simulación no manexo das situacións relacionadas coa patoloxía tempo dependente, desde o recoñecemento precoz do risco de parada cardiorrespiratoria, ata as manobras de resucitación cardiopulmonar e o uso dos desfibriladores.
A metodoloxía supón remedar, na medida do posible, as condicións de asistencia reais aos pacientes, para que as habilidades e destrezas adquiridas durante o adestramento sexan aplicables ao máximo na vida real.