O acceso peonil ao Outeiro por fin será unha realidade
Por Redacción
Un total de 360 metros cadrados foron cedidos por seis veciños de Outeiro para poder abrir o acceso peonil que levan máis de cinco anos reclamando.
Ata o momento os veciños de Dorrón víanse obrigados a dar un rodeo de máis de 500 metros e subir unha rampla cunha pendente considerable para acceder desde o núcleo do Outeiro á estrada provincial. E é que coas obras de mellora deste viario construíuse un muro de contención que supuxo a supresión dunha senda peonil que era empregada para ir camiñando ao colexio ou á igrexa, por exemplo.
Agora con estas cesións será posible habilitar un camiño peonil para facilitar este acceso, pero sobre todo para mellorar a seguridade dos usuarios do mesmo, xa que desta forma non terán que camiñar polo mesmo viario que circulan os coches.
Para que sexa unha realidade, os técnicos municipais redactarán un proxecto no que figure o orzamento, as necesidades e as características da propia execución da obra.