Ludantia márcase o reto de crear cidades para a infancia
Ludantia é a primeira Bienal internacional de educación en arquitectura para a infancia e a mocidade. Celébrase no Pazo da Cultura de Pontevedra, coa presenza de diferentes relatores entre os que destaca o pedagogo italiano Francesco Tonucci, un dos referentes no cambio de modelo de cidade de Pontevedra.
A inauguración oficial de Ludantia estivo presidida polo decano do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), Antonio Maroño; a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.
Este encontro durará ata o sábado 12, con actividades que se manterán ata o 17 de xuño. Dará cabida a 190 profesionais de 29 países de Europa, Asia e América.
Durante esta primeira xornada desenvolvéronse conferencias con expertos de Colombia, Chile, Italia e Finlandia, que ofreceron a súa visión sobre os espazos públicos.
O presidente do COAG, Antonio Maroño, destacaba que as actividades educativas tentan darlle aos menores as ferramentas necesarias para vivir, entender, interpretar e cambiar a súa contorna.
As actividades deste primeiro día contou cun encontro entre Francesco Tonucci e o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores. O pedagogo destacou a importancia que a cidade de Pontevedra concede aos nenos a través do seu modelo urbano. Indicou tamén que na maioría de cidades os coches foron adquirindo dereitos que nin sequera teñen os cidadáns, como ocupar espazos públicos e contaminar.
Fernández Lores, pola súa banda, insistiu na importancia de que se desenvolvan actividades nas rúas e nas zonas públicas para que as persoas sexan protagonistas dos municipios. Afirmou que, nos últimos anos, non se rexistraron mortes por atropelo en Pontevedra, a diferenza do que sucede noutros concellos. E destacou que unha cidade é boa cando crea as mellores condicións para que os seus cidadáns se movan con facilidade e placidamente cos seus propios medios.