Incautan en Bueu 56 quilos de polbo sen documentación
Por Redacción
A Garda Civil incautou en Bueu un lote de 56 quilos de polbo que foron achados nunha furgoneta. O condutor, que asegurou ser o propietario da mercadoría, non puido explicar a orixe do polbo nin presentar a documentación que acredita a súa legalidade.
Segundo explicou o instituto armado, o polbo foi interceptado nunha inspección rutineira que se desenvolveu no porto de Bueu sobre captura, comercialización e transporte de produtos pesqueiros.
Ao iniciar a inspección, os axentes decatáronse da saída precipitada dunha furgoneta que abandonaba o peirao cunha velocidade inadecuada, posiblemente ao observar a chegada do vehículo oficial.
Ante a actitude sospeitosa deste vehículo, foi seguido e posteriormente interceptado nunha rúa do centro urbano da localidade.
Ao inspeccionar a mercadoría que transportaba a furgoneta, a Garda Civil atopou dous capachos ocultos entre os asentos traseiros, que contiñan os 56 quilos de polbo sen a preceptiva documentación.
Os axentes identificaron o condutor e comprobaron que se trata dunha persoa reincidente neste tipo de infraccións.
Xunto coa incautación do polbo, denuncióuselle como suposto autor dunha infracción administrativa á vixente Lei de Pesca de Galicia, por transportar produtos procedentes da pesca extractiva sen o correspondente documento de transporte.
O polbo entregouse no comedor social de Cangas e a denuncia remitiuse ao órgano competente da Consellería do Mar.
Relacionadas:
-
Por que escasea o polbo?
Por Oskar Viéitez |
-
Incautan 35 quilos de percebe que estaban a ser vendidos na rúa
Por Redacción |
-
Catro coñecidos furtivos, cazados de novo con 80 quilos de ameixa da ría
Por Redacción |
-
Detido no Vao o furtivo que impactou cunha patrulla da Garda Civil da que fuxía
Por Natalia Puga |
-
Incautados preto de 40 quilos de ameixa extraída por mariscadores furtivos na praia de Combarro
Por Redacción |
-
Incautan unha vintena de centolos en Bueu capturados por furtivos
Por Redacción |