O BNG esixe os dous concelleiros que se deron de baixa que devolvan a súa acta
Por Redacción
As baixas do partido que solicitaron dous dos tres concelleiros do BNG en Marín, Pilar Blanco e Alfonso Fernández, debe ir acompañada da entrega das súas respectivas actas. Así o esixe a asemblea local da formación nacionalista.
O BNG asegura respectar "profundamente" a decisión dos concelleiros e do "pequeno grupo" de militantes que decidiron "consumar o proceso de autoexclusión", xa que consideran que "cada quen debe estar no lugar no que considera que debe estar en cada momento" e todos eles optaron porque "o seu lugar era outro".
Desde hai case un ano, engaden, estas persoas decidiron "sen a máis mínima explicación", manterse á marxe dos órganos do BNG "funcionando de xeito paralelo e autónomo" con respecto á organización. Os "múltiples esforzos" levados a cabo para normalizar a situación interna, asegura a asemblea, reveláronse "inútiles".
Ante esta situación que afirman afrontar con"absoluta normalidade", reiteran que Pilar Blanco e Alfonso Fernández deben "dar exemplo" e devolver ao BNG "o que é do BNG", xa que consideran que se trata dunha obriga "ética e moral".
O BNG non ve "minguada" a súa capacidade de traballo nin precisa unha "recomposición interna de ningún tipo", xa que reitera que no consello local non se produciu ningunha baixa e na asemblea local estas persoas non participaban desde agosto, polo que a súa marcha "non produce ningún tipo de anomalía interna".
Da súa banda, engaden os responsables do BNG, "non vai saír ningunha mala palabra cara as persoas que decidiron, hai xa meses, emprender un novo camiño á marxe do BNG", se ben lamentan que nunca formularan ningún posicionamento crítico. "Desapareceron en agosto sen máis", insisten.
A súa resposta, que dirixen á sociedade marinense, é "traballo, traballo e traballo para ofrecer solucións aos problemas do noso concello, para construír unha alternativa ao paralizante goberno do PP e para elaborar un proxecto para Marín ilusionante, moderno e de futuro".