Prisión para a banda que cometeu medio centenar de roubos en parques industriais
Por Oskar Viéitez
Os catro homes, naturais de países do leste, detidos como presuntos integrantes dun grupo criminal especializado en efectuar roubos con forza en polígonos industriais, pasaron a disposición do xulgado de instrución número 1 de Vilagarcía.
Segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, os detidos acolléronse ao seu dereito a non declarar.
O xuíz acordou prisión incomunicada e sen fianza para os catro. Investígaselles por roubo con forza nas cousas e pertenza a organización criminal.
Estes catro individuos de entre 38 e 57 anos de idade, naturais de Serbia, Kósovo e Albania, foron detidos no marco dunha operación conxunta, que segue aberta, desenvolvida pola Policía Nacional e a Garda Civil.
A portavoz da Garda Civil na Coruña, Yaiza Hidalgo, informou que, ademais de todos os obxectos subtraídos, os detidos, que tiñan a súa base en Vilagarcía de Arousa, roubaron ao redor dun millón de euros en efectivo nos 51 roubos que se lles imputa.
Con estas catro detencións, os axentes dán por desarticulado o grupo criminal, aínda que non se descarta a implicación en máis delitos.
O seu modus operandi era sempre o mesmo "un deles entraba no polígono industrial un intre antes e facía unha primeira tentativa para ver se saltaba a alarma. Tomaban medidas de seguridade para poder actuar con máis calma", sinalou o portavoz da Policía Nacional, Juan José Vila.
Nos seus roubos empregaban mazas, taladros, radiais, machadas e inhibidores de frecuencias.