Funcionarios de prisións cortan os accesos ao cárcere da Lama
"Iguais no traballo, iguais no salario". Ese era o lema que figuraba á fronte da concentración que máis dun cento de persoas, funcionarios de prisións, protagonizaron este mércores ante o centro penal da Lama para denunciar a súa situación laboral.
A mobilización, convocada polos sindicatos máis representativos en Instituciones Penitenciarias -CCOO, ACAIP e UXT-, levou aos traballadores para cortar os accesos ao cárcere durante máis de hora e media.
Tan só permitiron o paso dos autobuses que, procedentes de Pontevedra e Vigo, traían a compañeiros que tiñan que facer o cambio de quenda, e aos furgóns que trasladaban aos presos, entre eles a 'O Mulo' e as outras 16 persoas que están a ser xulgadas en Pontevedra.
Desde minutos antes das oito da mañá, os traballadores interromperon o tráfico nas inmediacións da rotonda de acceso ao centro, escoltados en todo momento por unha decena de axentes da Unidade de Seguridade Cidadá (USECIC) da Garda Civil.
Aos poucos, para deixar paso aos vehículos que se ían acumulando na zona, os axentes foron desprazando aos manifestantes cara á entrada do cárcere. Aínda que a manifestación foi totalmente pacífica, si se produciron certos empuxóns e zarandeos entre os funcionarios e os axentes da Garda Civil.
Antes de chegar á entrada do centro penal os traballadores optaron por protagonizar unha sentada para mostrar o seu rexeitamento a unha xestión "catastrófica" do sistema de prisións por parte de Instituciones Penitenciarias e un secretario xeral que, segundo José Ramón López, responsable nacional de ACAIP, é "el peor de la historia de Prisiones".
"Es una persona que ha seguido con la misma dinámica del PP, ponerse de perfil, dejar que el tiempo pase y no solucionar ningún problema", explicou o dirixente sindical, que lembrou que son funcionarios que "no trabajamos con papeles sino con personas que tienen necesidades" e esta administración "no ha hecho nada" para negociar cos traballadores.
A equiparación salarial é unha das súas reivindicacións. "Estamos pidiendo que un funcionario de prisiones cobre lo mismo en el mismo puesto de trabajo en cualquier centro", sinalou o responsable de ACAIP, xa que mesmo dentro das catro cárceres galegas "se cobra distinto haciendo las mismas funciones", diferenzas que poden alcanzar os 700 euros.
Ademais, López cifrou en 3.500 as vacantes que, actualmente, hai no cadro de persoal das prisións españolas, o que provoca que un único funcionario deba controlar a máis dun centenar de internos "y por eso las agresiones se han disparado". A iso suma un persoal "envejecido" cunha media de idade que supera os "47 o 48 años".
"Así es muy difícil trabajar en la cárcel y ofrecer un servicio de calidade", denunciou, engadindo que as condicións de traballo nas prisións españolas é "muy mala", algo que deriva dunha clasificación que data de 1989, "de cuando en España había prisiones modelo" con 700 internos por galería e que está "desfasada".
Durante a concentración, que concluíu por vontade propia dos manifestantes, a Garda Civil identificou os responsables sindicais. Temen que, debido á lei de seguridade cidadá, acaben sendo denunciados ante a Subdelegación do Goberno, pero aseguran que iso non deterá as súas mobilizacións.
Relacionadas:
-
Os sindicatos aseguran que o cárcere da Lama non está para celebracións na Mercé
Por Oskar Viéitez |
-
Máis persoal, principal petición dos sindicatos da prisión da Lama á subdelegada do Goberno
Por Redacción |
-
Denuncian agresións "a diario" a funcionarios do cárcere da Lama
Por Redacción |
-
Denuncian novos episodios violentos no cárcere da Lama
Por Oskar Viéitez |
-
Varios funcionarios feridos nun altercado con catro presos conflitivos na Lama
Por Natalia Puga |
-
Funcionarios da Lama mobilízanse ante a "decadencia total" do sistema de prisións
Por Redacción |
-
Un preso chegado de León prende lume á súa cela no cárcere da Lama
Por Alejandro Espiño |