A luz une aos nenos do Crespo Rivas cos de Porto Rico
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
Esta historia dos alumnos pontevedreses da escola infantil Crespo Rivas arranca a miles de quilómetros de distancia o pasado 20 de setembro. Aquel día un furacán ao que chamaron María arrasou Porto Rico. A cifra oficial de vítimas mortais é de 64, pero a día de hoxe o goberno da illa caribeña non foi capaz de contabilizar con certeza as miles de mortes indirectas relacionadas cos seus efectos, o máis mortífero a perda de electricidade en hospitais e domicilios.
A devastación causada polo furacán, o máis forte na illa nas últimas nove décadas, esnaquizou a súa envellecida infraestrutura eléctrica. Aínda hoxe un 30% da poboación segue sen electricidade.
Volvamos á Boa Vila. Este curso o Crespo Rivas empezou a traballar nun proxecto chamado "Aluzina" que profundaba na luz e en diversos experimentos dirixidos ao alumnado de 3-6 anos. Os pequenos comezan a falar sobre como sería vivir sen luz e afirman que para eles resultaría imposible.
Fabiola Citrón é unha das mestras desta escola pontevedresa. Ela naceu en Porto Rico e propuxo a todos que sería unha idea fantástica poñerse en contacto con algunha escola da illa caribeña e que as nenas e nenos de ambos os lados do Atlántico compartan dunha maneira vivenciar o que supón vivir sen luz. Así naceu o interese da súa curmá, que é mestra na Escola CeDIn, por participar nesta experiencia.
Ao longo das distintas semanas e de maneira paralela a actividade de ambos os centros escolares estivo irmandada co desenvolvemento de distintos experimentos e actividades relacionadas co tema. A cita máis importante tivo lugar este martes día 9 no que ambas as comunidades escolares, a pontevedresa e a boricua, víronse cara a cara mediante unha videoconferencia.
Foi un encontro moi emotivo entre os 75 alumnos de sexto de Educación Infantil e os 60 alumnos de pre kínder de Porto Rico que compartiron o medo que sentiron o día do furacán, explicaron que aínda non poden saír á rúa con normalidade porque "hay troncos atravesando la acera", falaron de como a falta de electricidade condiciónalles aspectos tan básicos como o aseo, a alimentación, o traballo ou a asistencia sanitaria.
A diferenza horaria obrigou aos galegos para asistir a clase pola tarde polo que a conexión arrincou co clásico "Buen día para nosotros, buena tarde para ustedes" e, despois dunha hora de charla, concluíu con bailes e cancións interpretadas conxuntamente.
A curiosidade dunha nena portorriqueña levoulle a preguntar aos seus compañeiros: "¿y ustedes en Pontevedra también tienen huracanes?" ao que responderon dicindo "si, aquí hay muchos, pero pequeñitos".
Relacionadas:
-
VÍDEO.- Abrazos de Nadal de ida e volta entre Pontevedra e Puerto Rico
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Pintada comunitaria do patio do colexio Campolongo
Por Oskar Viéitez |
-
É o "Día de los muertos" no Crespo Rivas
Por Mónica Patxot |
-
Animais fantásticos e onde atopalos no mercado
Por Oskar Viéitez |
-
Que fan os do Sánchez co Crespo Rívas?
Por Oskar Viéitez |