A súa man dereita, sobre 'O Mulo': "Aunque seas delincuente, tienes que ser serio"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
O narcotraficante Rafael Bugallo Piñeiro, coñecido como 'O Mulo', e Jaime Iván Bolados Geraldo, alcumado 'o chileno' e a quen o fiscal considera a súa man dereita, negaron este martes ante o tribunal da Audiencia Provincial de Pontevedra que fosen o líder e o responsable das decisións menores da organización criminal que xestou un alixo de 1.245 quilos de cocaína incautados a bordo da pesqueiro 'Coral I' en xaneiro de 2015.
'O Mulo' foi máis conciso nas súas explicacións e limitouse a negar a súa participación no alixo, pois "non teño medio algún nin barco para ir buscar o outro barco", pero Jaime Iván achegou detalles e recoñeceu que estiveron durante dous anos modificando unha embarcación "para delinquir" nunha nave de Cabana de Bergantiños.
Recoñeceu que mantiveron múltiples contactos para poder facelo, pero non ningún chegou a bo porto porque "nadie quería trabajar con este señor", en alusión a 'O Mulo', que se presentaba nas reunións con perrucas. El trasladoulle que non podía facelo, pois "aunque seas delincuente, yo creo que tienes que ser serio. Él no aparentaba serio".
Ambos protagonizaron este martes a segunda sesión do xuízo que se celebra na Sección Segunda da Audiencia de Pontevedra contra 17 persoas acusadas en relación con este alixo frustrado na operación Visillo da Policía Nacional.
A sesión comezou con cuestións previas e continuou coas declaracións de ambos os acusados, sendo o primeiro 'O Mulo', a quen o fiscal pide 24 anos de cárcere en tanto era o xefe da organización e o que tomaba as decisións, decidía os detalles da concreta operación de narcotráfico a realizar e daba as ordes específicas para o seu desenvolvemento.
O acusado tan só quixo responder as preguntas formuladas por unha das súas avogadas. En relación co alixo de 1.245 quilos de cocaína do 'Coral I', indicou que alguén contactou co seu amigo Jaime Iván para pedirlle axuda cunha embarcación na que había unha urxencia, pois estaba á deriva sen víveres nin combustible, pero que que el non se comunicou "nin co barco nin con ninguén de alí" e que Jaime si mantivo contactos e reunións, pero que el non lle deu ningunha orde: "non son quen para darlle instrucións a Jaime nin a ninguén".
A súa única intervención foi, segundo explicou, prestarlles unha radio para contacatar coa embarcación. Ademais, insistiu en que nos dous xuízos nos que xa foi xulgado no pasado por narcotráfico "recoñecín os feitos" e que se desta vez tivese algunha intervención, recoñecería todo tamén, pero non é así. Xustifica que tiña na súa casa 113.000 euros porque lle tocaban á súa muller nun premio e que adoitaba adoptar medidas de seguridade e esconderse usando perrucas porque naqueles últimos meses de 2015 -foi detido en Reis de 2015- estaba en busca e captura e quería tentar pasar o Nadal coa súa familia e logo entregarse.
Jaime Iván Bolados Geraldo era, segundo o fiscal, a súa man dereita e o que tomaba as decisións menores en substitución do seu xefe e atribúelle contactos cos provedores suramericanos da droga e unha participación activa na construción da embarcación. El negou ter ningún tipo de responsabilidades, pois tan só respondía as ordes de 'O Mulo'.
Segundo insistiu, "la idea de la reforma -de la embarcación- era delinquir, pero no había con quien delinquir". Sobre o 'Coral I' explicou que outro dos coacusados, de orixe colombiana, contactou con el para pedirlle axuda coa embarcación á deriva e recoñeceu que houbo múltiples encontros, pero en todos eles 'O Mulo' negouse a participar na operación e, de feito, nin sequera chegaron a saber nunca que mercadoría había nese buque.
O xuízo continuará este mércores 9 de maio coa declaración do resto dos acusados e inicialmente estaba previsto que terminase a finais de semana, pero todas as partes asumen xa que a vista oral non concluirá nos días que estaban sinalados inicialmente e mesmo se fala de que poderá continuar en sesións soltas ata o próximo mes de novembro.
O procedemento durará máis días pola lentitude coa que avanzan as sesións e tamén como resultado das cuestións previas expostas polas partes. O tribunal decidíu incluír a declaración de máis dunha decena de policías solicitados polo fiscal e tamén unha nova proba documental consistente nun CD con gravacións.
En relación coas cuestións previas, o tribunal tamén acordou decidir en sentenza sobre a nulidade dun auto xudicial do ano 2014 no que o xuíz instrutor autorizou á Policía Nacional a sonorización dunha furgoneta Renault Scenic normalmente usada por 'O Mulo' e a súa rede e tamén outras escoitas telefónicas. Os avogados dos acusados pediron a nulidade dese auto en tanto consideran que a sonorización é ilegal e o propio fiscal recoñeceu que se trata dunha medida cuestionable que el non usará durante o resto do proceso. De todos os xeitos, o tribunal concluíu que, dado que o fiscal non o usará como proba, decidirá en sentenza.
Relacionadas:
-
O Mulo empregaba perrucas, bigotes postizos, cristais tinguidos e monos de traballo para despistar á Garda Civil
Por Redacción |
-
A Policía ratifica que as vixilancias á rede de 'O Mulo' sosteñen as acusacións por un alixo de 1.245 quilos de coca
Por Natalia Puga |
-
A man dereita de 'O Mulo' pide matizar a súa declaración no xuízo polo alixo de 1.245 quilos de cocaína
Por Natalia Puga |
-
A tripulación que levaba 1.245 quilos de coca para a rede de 'O Mulo' parapétase en que ía pescar
Por Natalia Puga |
-
Dez dos 17 acusados da rede do Mulo por un alixo de 1.245 quilos de coca recoñecen os feitos
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
O narco 'O Mulo' volve á Audiencia e enfróntase a 24 anos de prisión e unha multa de 425 millóns
Por Natalia Puga |