O Concello pagou 12 millóns de euros en facturas no primeiro trimestre
Por Alejandro Espiño
Nos tres primeiros meses do ano, ata o pasado 31 de marzo, o Concello de Pontevedra pagou 2.052 facturas aos seus provedores por unha contía de 12 millóns de euros.
É, segundo Raimundo González, a contía maior nun primeiro trimestre desde que existen rexistros. O pasado ano, estes pagamentos ascenderan a 10,7 millóns.
Dos 12 millóns pagados, só 200.000 euros corresponden a facturas do Pazo da Cultura e Turismo de Pontevedra, é dicir, que 11,8 millóns foron pagados polo Concello.
O prazo medio de pago foi de 37,48 días fronte aos 60 días de tempo máximo que permite a normativa vixente. Tamén neste parámetro rexistrouse unha diminución significativa xa que, por exemplo, no cuarto trimestre do pasado ano a media superara os 50 días.
Este balance trimestral de morosidade proba, destacou o edil de Facenda, que "cumprimos cos prazos e pagamos con relativa axilidade".