Poio lembra os veciños a necesidade de limpar as fincas en prevención de incendios
Por Redacción
O Concello de Poio acaba de emitir un bando da Alcaldía para alertar aos veciños da necesidade de manter limpas de maleza e arborado as fincas e terreos que se encontran en solo urbano, urbanizable ou de núcleo rural, así como nun perímetro de 50 metros dende estes límites, creando franxas de protección fronte os posibles incendios.
A Concellería de Medio Ambiente, que dirixe o edil Xosé Anxo Lodeiro Cancela, recorda que, en caso de incumprimento e en aplicación da última modificación na lei de prevención defensa contra incendios, o Concello podería entrar de oficio e limpar ou cortar o arboredo e posteriormente vender a madeira para sufragar a operación, ademáis de impoñer as correspondentes multas aos propietarios dos terreos.
O bando emítese en base á inminente tempada estival e como medida de prevención contra os incendios, lembrando que Poio abrangue unha ampla superficie forestal.
O documento inclúe unha serie de medidas a adoptar, de obrigado cumprimento segundo a Lei 3/2009, de 9 de abril de prevención e defensa contras os incendios forestais de Galicia, e sen prexuízo das correspondentes sancións en caso de incumprimento.
Lembra, desta maneira, que os donos dos terreos deberán, polo perigo do lume e por salubridade, telos limpos e en ningún caso a maleza invadirá a vía pública. Están obrigados a manter as súas parcelas, así como os camiños de titularidade privada e as gabias, limpas de maleza e restos e coa masa arbórea rareada e tamén deben mantelos limpos, libres de desfeitos e residuos e nas debidas condicións de hixiene, salubridade, seguridade e ornato público.
Está prohibido botar mistos, cigarros, lixo, residuos industriais ou de calquera clase que supoña un perigo de incendio forestal e os donos dos terreos que dean ás vías públicas deberán de manter limpas as gabias e non verter cascallos, así como evitar as malezas e matagueiras.
As masas forestais deberan gardar unha distancia de seguridade as vivendas de 50 metros para o caso de especies como as acacias, piñeiros ou eucaliptos. Para outras especies de frondosas, as masas deberán estar clareadas e limpas de maleza co fin de que o lume non teña continuidade cara as vivendas ou núcleos de poboación. O mesmo é aplicable ós límites do solo urbano ou de núcleo rural, onde está prohibido a existencia destas especies forestais dentro de ditos límites así como nunha distancia de protección de 50 metros dende dita divisoria.
Outras das nornas pasan por manter limpo de mato e libre de eucaliptos, piñeiros e acacias polo menos 10 metros dende a aresta exterior das estradas (seis metros para especies frondosas caducifolias). En vías forestais a distancia será de catro metros para eucaliptos, piñeiros e acacias e dous para as frondosas.
No caso das liñas eléctricas, deben manterse cinco metros limpos de mato e especies arbóreas e tamén hai hai normas para as praias, de modo que os donos dos terreos limítrofes deberán mantelos limpos de malezas e cascallos.