A primeira fase da mellora da PO-234 quedará rematada neste verán
Por Redacción
O presidente de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, desprazouse ata a parroquia de Augasantas para visitar as obras da primeira fase da mellora da estrada autonómica PO-234, que une o municipio con Ponte Caldelas, xusto cando se cumpren catro meses de traballos.
Tras percorrer a infraestrutura cos responsables técnicos, Cubela confirmou que esta actuación está a desenvolverse axilmente e cumpre cos prazos estimados de execución, polo que agarda que estea rematada, tal e como se preveía, a mediados deste verán.
Esta primeira fase da mellora da PO-234, que responde a unha histórica demanda veciñal e do Concello e que está a ser impulsada pola Consellería de Infraestruturas cun orzamento de 661.000 euros, consiste na ampliación e ensanchamento da vía e no perfilado de curvas dun primeiro treito de 2,7 quilómetros entre Augasantas e o cruce de Portasouto.
Ademais desta remodelación integral, tamén vaise construir unha senda peonil de 700 metros e 1,80 de anchura nas inmediacións do núcleo poboacional da parroquia cotobadesa para mellorar a seguridade vial. Dita actuación foi xestionada polo presidente municipal coa conselleira Ethel Vázquez durante a visita oficial ao arranque dos traballos no pasado mes de xaneiro.
Tras esta actuación, agárdase que este mesmo ano saia a licitación a segunda fase da obra despois de que conclúa o proceso expropiatorio dos terreos necesarios pertencentes ao veciño municipio de Ponte Caldelas, que non conseguiu a cesión dos mesmos tal e como sucedeu en Cerdedo-Cotobade despois das xuntanzas de Cubela cos propietarios.