A cafetería da praza da Liberdade terá que ser reformada antes da súa reapertura
Por Alejandro Espiño
Quen se faga cargo da cafetería da praza da Liberdade, de propiedade municipal, deberá asumir unha serie de obras de rehabilitación.
Así o explicou o portavoz do goberno, Raimundo González, que deu conta do obrigado atraso que provocará esta situación no proceso de licitación para a nova concesión das instalacións.
Os plans do Concello pasaban por contratar "directamente" a xestión da cafetería, pero os técnicos detectaron unha serie de deficiencias "importantes" que o impiden.
Raimundo González detallou que, por exemplo, da cociña "sálvase literamente a campana" e esgotou a súa vida útil, hai pingueiras na cuberta e os baños non se atopan adaptados á normativa de accesibilidade. Todo iso, cuestións que se deben solucionar previamente á súa reapertura.
As obras a realizar serán valoradas de forma que sexan asumidas polo futuro concesionario, xunto coas intervencións que, a maiores, se consideren necesarias para cumprir co servizo de hostalería aos cidadáns.
"É unha situación similar á das piscinas", sinalou o edil, xa que as obras que asuma o que se adxudique o contrato serán compensadas, probablemente, reducindo o canon que debe pagar ao Concello por xestionar a cafetería.
O goberno municipal espera que a cafetería se poida licitar en xuño e que o proceso de adxudicación se complete antes de final de verán.