Rescatan unha familia de patos salvaxes que se 'refrescaban' nunha piscina da Caeira
Por Alejandro Espiño
Cada un sufoca a calor como pode e, no caso dunha familia de patos salvaxes, parece que a súa opción para acougar os case 30 graos de temperatura que se rexistraron este domingo en Pontevedra foi tirarse á piscina.
A Policía Local de Poio rescatou esta mañá a unha ducia destes animais do interior dunha piscina dun chalé situado na Caeira.
Ata alí chegaron, desde unha procedencia descoñecida, a nai e as súas crías. Foran detectados por uns veciños na rúa Illa de Sálvora e acabaron entrando nunha casa da zona. Todos eles refrescáronse na auga ata que chegaron os axentes para sacalos de alí.
Xunto con efectivos de Protección Civil, a Policía Local levou aos animais que, segundo transcendeu, serán acubillados polo Concello ata atopar o lugar adecuado para soltalos.