Afeccionados ao parkour reivindican na Peregrina un espazo para o seu deporte
Por Redacción & Paula Sanmartín
A praza da Peregrina converteuse este sábado nun improvisado escenario onde os mozos afeccionados ao parkour realizaron unha exhibición do seu deporte, unha acción reivindicativa coa que solicitaron que se habilite un espazo na cidade para poder adestrar sen molestar a ninguén.
Esta afección creceu notablemente na Boa Vila, aproveitando o mobiliario urbano que poboa algunhas das rúas e prazas máis emblemáticas da cidade, aproveitando unha peonalización que, para o parkour, supuxo toda unha revolución.
Durante a súa exhibición, os mozos mostraron en que consiste o parkour, unha disciplina de deporte urbano na que os participantes tratan de sortear os obstáculos que atopan mediante espectaculares saltos e habilidades motrices.
O colectivo que organizou esta acción aproveitou para recoller sinaturas entre os cidadáns que se paraban a gozar cos seus saltos e piruetas, co obxectivo de rexistrar unha petición oficial ante o Concello para que se responda ás súas demandas.