Ponte Caldelas recibe un crédito sen xuros de case 400.000 euros da Deputación
Por Redacción
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou a concesión dun crédito sen xuros de 391.352,66 euros ao Concello de Ponte Caldelas.
Segundo informa o goberno provincial, con eses cartos Ponte Caldelas acometerá un anteproxecto para mellorar a eficiencia enerxética na luz pública, a ampliación dos vestiarios no campo de fútbol de Tourón ou o cambio de céspede no campo de fútbol Chan da Barcia.
A mellora da capa de rodadura do camiño de Portasouto, a construción de beirarrúas na estrada de Laxoso, a rehabilitación de Concepción Arenal e a Avenida de Vigo ou a construción e rehabilitación de muros de contención en Caldelas de Arriba, Silvoso, Brea, Forzáns, Taboadela e Tourón tamén se inclúen neste crédito.
Por último, o Concello ampliará un camiño en Tourón, construirá a rede de sumidoiros en Silvoso e a canalización de augas pluviais en Chaín, A Insua e Taboadelo, rehabilitará pozos e fontes en Silvoso, Chaín e Rebordelo e mellorará o estado da presa dende a ponte ata o muíño de Parada.