Os nenos de Ponte Caldelas celebrarán o final de curso no parque acuático de Cerceda
Por Redacción
Cunha xornada de diversión e convivencia no parque acuático de Cerceda. Así celebrarán o remate do curso os nenos dos colexios Manuel Cordo Boullosa e A Reigosa e os rapaces do instituto de Ponte Caldelas. Será o próximo 26 de xuño.
A actividade realízase por iniciativa municipal dende hai tres anos e conta coa organización das tres asociacións de nais e pais. É completamente gratuíta para os máis de 500 estudantes matriculados nos tres centros de ensino público de Ponte Caldelas.
O Concello asume todos os gastos de transporte, seguros e entrada ao recinto do parque acuático. No caso dos alumnos que, estudando nestes colexios, sexan de familias de A Lama ou Fornelos de Montes, deberán aboar unha cota de oito euros para pagar só o autobús.
"Queremos que vaia toda a rapazada e que ninguén quede discriminado, porque falamos de nenos e nenas que son compañeiros de clase, amigos e amigas, con independencia de se están empadroados nun ou noutro concello e queremos que todos gocen xuntos deste día", recalcou o alcalde, Andrés Díaz.
A visita ao parque de Cerceda organízase así por terceiro ano consecutivo. Na primeira edición foi todo un éxito con máis de 400 estudantes inscritos. Porén o pasado ano non puido celebrarse porque as dúas datas dispoñibles coincidiron coa folga do transporte e cun temporal.