Os pensionistas volven á rúa: "Non nos fiamos" dunha suba que ven un "espellismo"
Por Alejandro Espiño
Centos de pensionistas retomaron este sábado as mobilizacións en toda Galicia porque aseguran que "non nos fiamos" do pacto alcanzado polo Goberno central e o PNV para a subida das súas prestacións de xubilación. Trátase dun acordo que cualifica como un "espellismo", xa que este aumento non consolidará as melloras que levan meses reclamando.
En Pontevedra, a concentración tivo lugar na Praza de España, nas inmediacións da estatua dos heroes de Ponte Sampaio. Alí, membros do Movemento Galego en Defensa das Pensións Públicas (Modepen), colectivo convocante desta protesta, destacaron que o "problema de fondo" do sistema de pensións non se resolve con este pacto político.
O Goberno, dixeron, está "lonxe de satisfacer as nosas reivindicacións", xa que as subidas para 2018 e 2019 non se corresponden co IPC real e o aumento do 3% nas pensións mínimas é "insuficiente". Ademais, lembran que medidas polémicas como o factor de sustentabilidade "non se derroga senón que se atrasa catro anos".
Ademais, Modepen lembra que "nada se di" de recuperar o perdido desde 2010, de volver á xubilación aos 65 anos ou de retirarse sen penalización tras 40 anos cotizados, da reposición do subsidio para parados de máis de 52 anos, de eliminar o copagamento farmacéutico, de dotar "suficientemente" a dependencia ou de atender aos inmigrantes retornados.
O movemento chama, por tanto a continuar coas mobilizacións ao entender que é a "única garantía" para lograr estas melloras nun sistema de pensións que, defenden, é "perfectamente viable e sustentable".
Relacionadas:
-
Colectivos de pensionistas concéntranse o sábado en defensa dos servizos sociais
Por Redacción |
-
5.844 pensións foron decisivas na crise para soster a familias no municipio de Pontevedra
Por Miguel Álvarez Fandiño & Redacción |
-
"A reforma das pensións é para machacar a xente nova"
-
Un berro alto e claro en defensa das pensións
Por Diego Espiño & Diego Torrado |
-
A CIG alerta da caída das pensións: un xubilado en 2018 cobra 20 euros anuais menos que en 2017
Por Redacción |