As obras en Cruz Vermella incluirán a reforma da Praza da Castaña
Por Redacción
As trece empresas que optan a executar as obras de reforma de Cruz Vermella incluíron na súa proposta tamén a reforma da Praza da Castaña. Así o comprobou a mesa de contratación que se reuniu esta semana para abrir as ofertas económicas.
O goberno municipal sinala que todas as empresas están por debaixo dos 1,3 millóns de euros nas súas ofertas, cando o prezo de licitación era de 1,4 millóns.
Presentaron propostas Elsamex (1.151.920 euros), Xestión ambiental de Contratas (1.235.624,40 euros), Caldevergazo (1.236.620 euros), a UTE Ediserpo-Ogmios (1.206.128 euros), COVSA (1.186.283,84 euros), a UTE Naturgalia- SYR-AMG (1.177.853,93 euros), Nexia (1.126.259,76 euros), a UTE Acevi-Hidromiño (1.276.390,26 euros), Ovisa (1.231.417 euros), Probisa (1.280.046,9 euros) y Prace (1.232.391,35 euros).
Outras dúas empresas E.C.Casas (1.052.871,38 euros) e Oresa (1.024.767,07 euros) estarían, segundo os técnicos, en baixa temeraria. Terán que xustificar a oferta, no prazo de tres días.
Todas as ofertas, agás unha, inclúen tamén como mellora a reforma parcial de Padre Gaite.
A actuación máis ambiciosa que se enmarca dentro deste proxecto é a creación dunha nova praza pública, na confluencia con Padre Gaite, para darlle un carácter peonil a un ámbito onde se sitúa un centro educativo, as instalacións da Cruz Vermella e un pavillón de deportes.
Ademais, reformarase o resto da rúa acorde aos estándares aplicados no seu primeiro treito. Así, haberá máis espazo peonil con beirarrúas de máis de tres metros, ordénase o aparcamento nunha única beira da calzada e regularízase o mobiliario urbano.
Tamén se actuará nas rúas Álvaro Cunqueiro e Salustiano Portela Pazos, cunha reforma similar, e na rúa Padre Gaite, onde se refará a beirarrúa enteira e eliminaranse os plátanos que son unha barreira para a accesibilidade na beira do pavillón universitario
A reforma complétase coa renovación das redes de saneamento, auga e electricidade, a instalación de novo mobiliario urbano, o cambio integral na iluminación e un novo arborado, que terá un tratamento diferenciado en cada zona.
Segundo o proxecto, na rúa Cruz Vermella plantaranse cinamomos, en Salustiano Portela Pazos e Álvaro Cunqueiro serán arces platanoides e na rúa Padre Gaite, tilos de folla pequena. Un conxunto de magnolios e tres plátanos dos existentes decorarán a nova praza.
Relacionadas:
-
A reforma da Praza da Castaña eliminará o parterre elevado
Por Alejandro Espiño |
-
A reforma de Cruz Vermella estará rematada no primeiro trimestre de 2019
Por Redacción |
-
A reforma de Cruz Vermella comezará coa construción da nova praza peonil
Por Alejandro Espiño |
-
Adxudican á empresa COVSA a reforma de Cruz Vermella por 1,1 millóns
Por Redacción |
-
A reforma de Cruz Vermella interesa a trece empresas
Por Alejandro Espiño |
-
Licitan a reforma do treito final da rúa Cruz Vermella
Por Redacción |