A feira artesanal de Portonovo ampliará a súa duración a tres meses
Por Redacción
Este venres reuniuse o Consello de Insua para aprobar o prego de condicións do concurso público da feira artesanal. Este ano o goberno tivo máis tempo, o que permitiu facer un prego máis acorde co modelo de feira que require un destino turístico da importancia e calidade de Sanxenxo.
Entre as novidades destaca a ampliación da duración da feira ata os tres meses, desde o 15 de xuño ao 15 de setembro. Neste sentido o goberno local quixo destacar que a feira contribúe a dinamizar a actividade turística e comercial da vila de Portonovo polo que consideran importante que xa estea aberta durante a segunda quincena de xuño.
O ano pasado atrasouse uns días sobre o previsto porque cando o goberno tomou posesión o 1 de xuño atopouse que non tiña o permiso de Costas, que se solicitou o 5 de xuño.
Outra novidade importante é que o novo prego de condicións valora máis a calidade e a mellora da estética das casetas e de toda a infraestrutura que rodea a feira. De maneira que as empresas que aspiren a encargarse da montaxe e o mantemento terán que facer unha oferta de maior calidade, tanto da estrutura como da estética das casetas.
A caseta estándar terá un prezo de 4.500 euros polos tres meses. Como en anos anteriores resérvanse 10 casetas para os artesáns que terán un prezo reducido de 1.750 euros. A empresa que finalmente resulte elixida no concurso público terá que abonar un canon de 120.000 euros ao Concello e cubrir todos os gastos de montaxe, mantemento e seguridade.
O diñeiro que ingresará o Concello destinarase a pagar as festas e os eventos de Portonovo, especialmente as festas de San Roque, que se celebran en agosto.
O goberno espera que cos cambios introducidos, a feira este ano dea un salto de calidade e emprenda unha dirección que permita contemplar eventos similares noutras épocas do ano e noutros lugares do Concello. Un exemplo foi a feira que se puxo en marcha a pasada Semana Santa no porto deportivo de Sanxenxo que a pesar da difícil climatoloxía foi unha experiencia "moi positiva".