Carme da Silva: "Non hai ningunha orde de traballo da Policía Local que sexa ilegal"
Por Alejandro Espiño
A edil Carme da Silva, responsable política da Policía Local, garantiu este venres que "non hai ningunha orde de traballo que sexa ilegal" e acusou a todos aqueles que nos últimos días suxeriron o contrario de estar "supoñendo" que os mandos deste corpo policial "están cometendo unha ilegalidade".
É a resposta de Da Silva á denuncia realizada nos últimos días polo Partido Popular, que aseguraba que o goberno municipal dera orde á Policía Local de vixiar os composteiros urbanos a través das cámaras de tráfico.
A este respecto, os populares reiteran que o Concello "puido incumprir a lei" ao utilizar estas cámaras para "espiar os veciños". Entenden que a gravación destas cámaras obriga a informar os cidadáns do uso destes dispositivos de videovigilancia, polo que esixirán no pleno que o alcalde explique esta conduta.
A edil do BNG asegurou que "non falarei publicamente" de ordes internas do servizo da Policía Local, sobre todo daquelas, engadiu, que non foron obtidas por "vía legal", ao non ser solicitadas senón que foron "filtradas" incumprindo o "deber" de "sixilo" que se debe respectar neste tipo de comunicacións.
"É como se lle piden ao ministro do Interior dar explicacións sobre unha orde interna da policía", engadiu Da Silva, que en todo caso afirmou que a Policía Local ten o deber de velar polos espazos públicos e o mobiliario urbano da cidade, ao ser unha "parte fundamental" do seu traballo diario.
Desde o Concello reiteran que "nunca" se utilizaron as cámaras de tráfico para "perseguir a ninguén". Estes dispositivos "non se utilizan para gravar", dixo a concelleira de Seguridade Cidadá, e as súas imaxes bórranse de forma automática. Só se utilizan, aclarou, cando hai unha petición xudicial "ou cando se intenta localizar a algún desaparecido".
Relacionadas:
-
Moreira acusa ao goberno local de utilizar as cámaras de tráfico para vixiar os composteiros
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada