Comezan as obras de instalación dos servicios integrais no tramo urbano da PO-531 en Meis
Por Redacción
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e o alcalde de Meis, José Luis Pérez comprobaron este xoves o inicio dos traballos de instalación dos servizos integrais no tramo urbano da PO-531 ao seu paso por este municipio.
Os traballos, que están a ser executados pola Consellería de Infraestruturas e Vivenda, contan cun orzamento que rolda os 60.500 euros e consistirán na execución dun sistema separativo de pluviais e fecais de forma que non se contaminen as augas do regato, mediante tubaxes de pvc de 315 milímetros.
Aproveitaranse os traballos para instalar o abastecemento e as canalizacións de tódolos servizos municipais necesarios, como os de baixa tensión e de telecomunicacións, de xeito que se eliminen as liñas existentes e, por tanto, os postes mellorando a seguridade viaria e a estética de dito tramo. Tamén se instalará canalización de pvc de 90 milímetros para o alumeado público.
O proxecto tamén contempla a instalación dun paso de peóns con semáforos de pulsador nun punto onde xa existe un báculo con iluminación e tomaranse medidas para a redución da velocidade e o estreitamento de carrís de circulación.
Estes traballos non necesitaron expropiacións, xa que se realizarán por dominio público de estradas, e permitirán, ademais, que o concello de Meis poida, no futuro, tramitar coas compañías subministradoras a eliminación dos tendidos aéreos.