Rexeitamento do PP no Parlamento a manter a fundación das colonias de Covelo
Por Redacción
A campaña de apoio ao mantemento da fundación das colonias escolares de Covelo atopouse co rexeitamento do Parlamento galego. O Partido Popular votou en contra da iniciativa da asociación de veciños de Laxedo, presentada ante a cámara polo PSdeG-PSOE, polo que non puido ser aprobada.
Os socialistas, que foron apoiados por En Marea e BNG, pedían a anulación do decreto da Xunta de Galicia que extingue o padroado e a fundación das colonias escolares.
A deputada Patricia Vilán defendeu que a Xunta de Galicia poña os recursos suficientes para manter ese espazo con dignidade, pero sobre todo, cunha actividade que repercuta en postos de traballo no propio Concello da Lama.
Estas instalacións constan de 40.000 metros cadrados e presentan un claro estado de deterioración debida o seu abandono. Vilán propuxo a utilización do edificio para o desenvolvemento de actividades relacionadas coa mocidade e cifrou en máis de 30 os postos de traballo que se crearían para o mantemento das súas funcións.
"Os pobos que perden a súa memoria son os que perden a súa capacidade para ter un futuro", explicou a deputada do PSdeG-PSOE, que defendeu a implicación da Xunta para que non se perda o complexo da fundación.
A través do seu representante na comisión de Educación e Cultura, Moisés Rodríguez, o PP asegurou coincidir na "importancia" do inmoble das colonias escolares, pero rexeitou a proposta para manter a súa fundación, un organismo "creado no franquismo" e no que se apreciaron "deficiencias".
Lembrou que esta fundación é "privada" e non depende da Xunta de Galicia e entre os seus obxectivos, dixo, estaba a formación "premilitar" para os nenos e "do fogar" para as nenas, sen "descoidar" os estudos relixiosos, polo que engadiu que "moi moderno non é".
A disolución do padroado, segundo Rodríguez, está "amparada" pola normativa vixente e rexeitou que a Xunta asuma a súa xestión, defendendo que os seus bens pasen ao Concello da Lama, xa que "representa a todos os veciños".
Desde as filas do BNG, a deputada Olalla Rodil lembrou que esta entidade tivo no seu día un "importante valor social, educativo, de formación e de lecer" e que foi "a menos" ata quedar "abandonada".
Os nacionalistas propuxeron, ademais, non só deixar sen efecto a extinción do padroado senón "buscar a maneira" de darlle "viabilidade e proxección de futuro" a este proxecto para recuperar os edificios e promover accións para dinamizar este espazo.
Luca Chao, deputada de En Marea, sumouse ao respaldo a esta iniciativa e asegurou que "compartimos" a preocupación dos veciños, non só polas funcións sociais, educativas e lúdicas, senón tamén polo seu "efecto" nos postos de traballo no municipio. "Este patrimonio era da veciñanza e ten que seguir séndoo", engadiu.
Relacionadas:
-
O concello da Lama e os veciños de Laxedo pleitean contra a disolución do Padroado de Colonias Escolares
Por Redacción |
-
Piden unha reunión coa conselleira de Educación para abordar a extinción das colonias escolares de Covelo
Por Redacción |
-
Cidadáns pide ao Concello da Lama que cumpra co Pladiga e limpe a finca das Colonias de Covelo
Por Redacción |
-
O PSOE pide a baixa de dous concelleiros do PP tras o rexeitamento á recuperación das Colonias de Covelo
Por Redacción |
-
Alertan de que a extinción das Colonias Escolares supón unha perda de 50 empregos para A Lama
-
A Lama presenta un contencioso-administrativo contra a extinción do padroado de colonias escolares de Covelo
Por Redacción |
-
O BNG demandará no Parlamento a continuidade do padroado das Colonias Escolares
Por Redacción |