Dez persoas sentarán no banco pola vaga de 51 roubos en bares e comercios de Pontevedra
Por Natalia Puga
A vaga de roubos en negocios de hostalería, comercios, casas, coches e todo tipo de negocios rexistrada na cidade de Pontevedra durante seis meses entre novembro de 2016 e maio de 2017 chegará a xuízo. Aínda non hai data para a celebración da vista oral, pero a Fiscalía da Audiencia Provincial si presentou xa o seu escrito de acusación, no que atribúe finalmente un total de 51 roubos a 10 persoa e pide que todos senten no banco con distintas acusacións.
A fiscal considera que cinco deles, que responden as iniciais Juan José G.S., Nicolás G.G., David F.G., Guillermo B.A. e José Luis E.S., conformaban un grupo organizado que actuou durante eses seis meses poñéndose de acordo -non de forma fortuíta- para obter un beneficio económico roubando efectos e diñeiro en distintos establecementos e lugares da provincia de Pontevedra.
Eses cinco ingresaron en prisión en maio de 2016 tras ser detidos froito dunha complexa investigación da Policía Nacional que conseguiu poñer fin a unha onda de feitos delituosos que sementara o pánico entre hostaleiros e comerciantes da cidade de Pontevedra e tamén de zonas limítrofes como Redondela, Arcade (Soutomaior), Moaña e Vilaboa.
Os cinco son veciños da cidade de Pontevedra e tiñan no momento da súa detención entre 19 e 27 anos. Ademais, tras a súa detención e ingreso en prisión, continuouse cunha investigación na que finalmente logrou incriminarse outros cinco homes que participaban nalgunhas ocasións, pero non sempre. Trátase de Roberto F.A, Daniel T. T., Carlos Manuel A.A., Raúl A.J. e Soufiane B.A.
A eses cinco atribúelles o delito de pertenza a grupo criminal, a seis atribúelles un delito continuado de roubo con forza, a tres acúsalles de delito continuado de roubo con forza en casa habitada e a un deles tamén un delito de receptación. En total, por todos eles, a fiscal pide que sexan condenados a un total de 33 anos e tres meses de prisión.
Ademais, chama a atención sobre o feito de que en cinco deles concorre a circunstancia agravante de reincidencia, pois todos contan con antecedentes por delitos similares. Trátase de Nicolás G.G., Guillermo B.A., José Luís E.S., Carlos A.A.e Raúl A. J..
A acusación da fiscal Carmen Novo pide para o acusado Nicolás G. G. a pena maior, un total de cinco anos e seis meses de prisión, seis meses por pertenza a grupo criminal e cinco anos por roubo con forza en casa habitada. A pena menor é de dous anos e tres meses e pídea para Roberto F.A, Daniel T. T. por un delito continuado de roubo con forza e para Soufiane B.A. por dous delitos, un ano por receptación e 15 meses por roubo con forza.
O primeiro dos delitos desa onda de roubos que mantivo en alerta a hostaleiros, comerciantes e veciños durante medio ano produciuse sobre as 1.30 horas da madrugada do 23 de novembro de 2016 nun bar de Mourente. A Fiscalía sostén que Nicolás G.G. e Guillermo B.A. romperon un cadeado dun enreixado e unha porta, entraron no local, causaron danos nunha cadeira que usaron para romper a máquina recreativa e levaron a recadación desta -1.464,90 euros-, e 100 euros da caixa rexistradora. Ademais, esparcieron polo chan veu valorado en 154,28 euros e ocasionaron danos á tarima do chan valorados en 944 euros.
Os últimos roubos que se lle atribúe antes de que a Policía Nacional procedese á súa detención producíronse nunha tenda de electricidade e un vehículo en maio de 2017. No negocio actuou Guillermo B.A. na madrugada do día 14. Tas romper a porta de entrada, apoderouse dunha caixa rexistradora e 175 euros. O vehículo afectado estaba aparcado nun garaxe e o acusado Juan José G.S., entre os días 11 e 15, cortou a lona do teito e levou un casco marca Shark, que foi recuperado no seu domicilio.
Relacionadas:
-
Recoñeces estas chaves ou ferramentas? Están na Comisaría á espera do seu dono
Por Redacción |
-
Estes obxectos buscan dono e a Policía Nacional pide colaboración para atopalo
Por Natalia Puga |
-
Prisión para os cinco integrantes dun grupo criminal polos roubos en comercios dos últimos meses
Por Natalia Puga |
-
Unha 'pandilla' de mozos, o pesadelo de bares e comercios do centro de Pontevedra
Por Natalia Puga |