Fiscais e xuíces concéntranse na Parda para reivindicar melloras na xustiza
Un grupo de xuíces e fiscais que exercen no partido xudicial de Pontevedra concentrouse este xoves, por segunda semana consecutiva, ás portas dos xulgados da Parda en resposta á convocatoria das catro asociacións de xuíces e tres de fiscais para reivindicar melloras na xustiza.
A concentración durou ao redor de dez minutos, entre as 12.00 e as 12.10 horas, pero logo seguíronlle outros 50 minutos nos que os xuíces e fiscais realizaron un paro na súa actividade laboral. As sete asociacións convocantes apostan por paros parciais dunha hora cada xoves ata o próximo 22 de maio, xornada que está convocada unha folga para 5.500 xuíces e 2.407 fiscais de toda España.
En Pontevedra, a convocatoria ás portas do edificio xudicial tivo máis seguimento por parte do colectivo de fiscais e apenas unha pequena representación entre os xuíces.
As protestas convócanas os colectivos de xuíces Asociación Profesional de la Magistratura, Asociación Judicial Francisco de Vitoria, Juezas y Jueces por la Democracia e Foro Judicial Independiente; e os de fiscais Asociación de Fiscales, Unión Progresista de Fiscales e Asociación Profesional e Independiente de Fiscales.
Os xuíces realizan 14 propostas básicas que inclúen medidas para reforzar a independencia xudicial, a modernización da administración de xustiza con criterios de calidade e eficacia e actuacións en relación coas condicións profesionais. Estas son.