O conselleiro de Política Social tranquiliza os traballadores do centro de menores Avelino Montero
Por Oskar Viéitez
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, visitou este mércores as instalacións do centro de menores Avelino Montero despois das protestas dos traballadores polo deterioro da seguridade que, segundo denuncian os sindicatos, implicará a nova oferta para contratar seguridade privada no centro que reducirá en dous trabajadores por turno a presenza de axentes nesta institución.
Rey Varela informou durante a visita da disposición do executivo autonómico de non reducir o número de vixiantes de seguridade, mantendo os servizos adscritos actualmente.
A Federación de Traballadores de Seguridade Privada da Unión Sindical Obreira (FTSP-USO) a través do seu secretario de organización estatal, Iván Branco, manifestou que "é unha boa noticia para os compañeiros que xa se vían na rúa e para a seguridade do centro, que se esperaba inasumible coa redución de efectivos prevista".
Desde o sindicato mantéñense cautos a falta de que se oficialice o mantemento da seguridade "felicitamos á Xunta por atender as nosas reivindicacións, pero non baixamos a garda e mantemos a nosa folla de ruta en canto a medidas de acción sindical polo momento, xa que sobre o papel segue a redución".
Para Delmiro Álvarez, responsable de UXT-Seguridade na provincia de Pontevedra, esta nova posición da administración autonómica "garante a mínima seguridade necesaria nesta instalación e dá resposta as posibles incidencias que poidan acaecer".
Engade UXT que con estas declaracións do conselleiro "dáse tranquilidade a todo un plantel de traballadores e traballadoras así como de menores en cumprimento de medidas que ven desta forma un equipo de seguridade capaz de afrontar momentos de posible inseguridade".
HOSPITAL PROVINCIAL
Por outra banda, José Manuel Rey Varela sinalou que a atención aos maiores é un dos obxectivos prioritarios das políticas sociais en Galicia. Nesta liña, lembrou que a súa consellería está traballando conxuntamente coa de Sanidade para que co proxecto do "Gran Montecelo", parte do edifico do Hospital Provincial se convirta nunha residencia para persoas maiores dependentes.
"O cal non quere dicir que non haxa sitio para a iniciativa privada", engadiu Rey Varela.
O conselleiro abogou pola colaboración e coordinación entre as distintas administracións, coas entidades e axentes sociais e tamén coa iniciativa privada, "que en moitos casos complementa e acompaña a acción pública".
Ademais, Rey Varela indicou que o compromiso con este colectivo por parte do goberno galego ponse de manifesto no incremento en máis dun 11% dos orzamentos da área de maiores para 2018 con respecto ao ano pasado, chegando aos 310 millóns de euros.
Esta maior disposición de recursos, segundo explicou o conselleiro, permite consolidar a rede de prazas residenciais e de atención diúrna, potenciar o Servizo de Axuda no Fogar a Dependentes (SAF) ou ampliar a ratio de atención a persoas dependentes ata situala no 82,2%.