Cuntis denuncia a "pasividade" de Telefónica ante unha avaría en Arcos de Furcos
Por Redacción
O Concello de Cuntis sacou á luz este martes unha incidencia que teñen no municipio coa compañía Telefónica e que afecta os veciños do lugar de Arcos de Arriba, na parroquia de Arcos de Furcos, desde hai tres meses.
O alcalde, Manuel Campos, denuncia a "pasividade" da compañía ante a necesaria reparación dunha liña que mantén aos veciños con problemas no servizo desde hai eses tres meses.
Segundo explica, neste lugar hai un poste que se atopa roto e a pesar de que os voluntarios da agrupación municipal de Protección Civil deron aviso á compañía, esta non se "digna a reparar" a liña.
Os veciños afectados puxéronse en contacto co Concello para trasladar a devandita incidencia, manifestando o seu malestar.