CC.OO. e UGT piden aos cidadáns que saian ás rúas contra as medidas do Goberno
Por Anxo Lourido
Centos de persoas participaron na manifestación convocada por CC.OO. e UGT en Pontevedra con motivo do Día do Traballador neste 1º de maio. A marcha saíu da Praza da Peregrina e realizou un percorrido polo centro da cidade distanciándose nalgún tramo apenas cen metros da convocada pola CIG que saía á mesma hora da Praza da Ferrería. Unha curiosa división sindical cando as ideas de base son as mesmas. Así o reflectiron os secretarios comarcais de Comisións Obreiras e de UGT, José Luis García Pedrosa e Ramón Vidal.
Ambos os dous tamén coinciden en denunciar como se está a atacar a parte máis débil con motivo dos recortes e da reforma laboral. "A parte máis forte vemos como en momentos de bonanza tiñan sobresoldos que seguen a manter mentres a máis débil segue sufrindo todo tipo de recortes e todo tipo de menosprezo que é o que se observa cos decretos lei que só atacan á clase de traballadora", así falaba Ramón Vidal. Pola súa parte, o líder de Comisións Obreiras reclamaba un cambio de actitude por parte do Goberno: "Despois de 15 meses de aplicar a reforma laboral os resultados non poden ser peores. Non só non solucionaron os problemas de desemprego senón que cada vez a situación é máis grave".
Neste sentido, García Pedrosa insistíu en facer un chamamento aos cidadáns para que protesten nas rúas: "Non serve reivindicar individualmente. ÿ imprescindible que todos os que están en contra desas medidas se manifesten nas rúas".
Ramón Vidal de UGT indicou que cada vez é máis palpable a preocupación na cidade: "Pontevedra é unha cidade de servizos. Ata hai un ano non lle chegaba tanto a crise. Pero agora xa todos os recortes na administración están afectando o sector servizos e de comercio que son os que manteñen Pontevedra".
Ademais, o secretario comarcal de CC.OO. critica a actitude que, nestes momentos de crise, manteñen empresas fortes da nosa comarca: "Hai empresas que non están en dificultades económicas: ENCE e Celtic Estores son exemplos na nosa comarca. O de ENCE que está afrontando este período con beneficios e queren prescindir de 39 traballadores. ÿ inadmisible. Non poden actuar por riba de ben e do mal. En Celtic Estores aproban un ERE que está suspendido e ata setembro non o van aplicar de novo. Non se pode aceptar esta actitude por parte das empresas".
A manifestación concluíu na Avenida Raíña Vitoria entre as sedes do Partido Popular provincial e a Cámara de Comercio. Esta manifestación contou coa presenza doutros colectivos como un grupo de traballadores do CHOP ou Xuventudes Comunistas.