O muro do paseo de Silgar será un arco da vella
Por Oskar Viéitez
O muro do Paseo de Silgar será pintado en diferentes cores. Belén Daporta Otero, estudante da Facultade de Belas artes e veciña de Sanxenxo, fará realidade un proxecto para conmemorar o décimo aniversario das convivencias artísticas nas que participaron novos estudantes de Belas Artes chegados de toda España.
En colaboración coa Escola de Arte do Concello de Sanxenxo, Belén quere facer realidade un proxecto, que consistirá en pintar o muro do paseo de Silgar nas seis cores protagonistas das devanditas convivencias (vermello, azul, amarelo, verde, laranxa e violeta).
"Ademais do efecto turístico, para os habitantes do pobo que non só paseamos no verán, cando xa hai unha luz especial e os días son cálidos, senón que tamén gozamos do longo paseo nos invernos. Así ao pasear por un lugar onde hai cores cálidas, faría destes paseos unha camiñada por un arcoíris cheo de reminiscencias e sinestesias co círculo cromático enchendo de harmonía os nosos pasos", destaca Belén.
Para a execución do proxecto é necesaria unha semana de traballo, a condición de que a climatoloxía acompañe. Á artista e ao goberno local gustaríalles que estivese terminado antes do mes de xullo.