A Festa da Raia despachou 2.134 racións e 1.750 tapas
Por Redacción
A XXIII Edición da Festa da Raia en Portonovo congregou na lonxa a miles de persoas durante a fin de semana.
Un total de 2.134 racións foron servidas nas instalacións da lonxa para celebrar esta festa gastronómica. Un dato que supera ao do ano 2017 en case 300 pratos máis. O prato estrela da festa continúa sendo a raia en caldeirada, coas preto de 300 racións servidas, pero tamén tiveron moito éxito pratos como a raia á prancha con cachelos e ensalada, o salpicón de raia ou a empanada.
Outro dato significativo é que o sábado pola noite xa se consumiu o volume de albariño de toda a fin de semana en 2017.
A ruta do pincho e raia tamén superou en 200 as cifras do ano pasado, con 1.750 tapas vendidas.
A maior parte dos locais participantes fan unha valoración moi positiva en canto ás racións vendidas e o ambiente durante o fin de semana.
O pump truck, instalado polo club ciclista Corbelo, nas inmediacións do porto tivo un gran éxito de afluencia entre o público infantil. Os máis pequenos tamén puideron gozar co obradoiro de cociña. Os showcooking do Obradoiro de Hostalería do Salnés, de Fran Sotelino e de Carmen Lima foron unha boa forma de achegar este produto ao público asistente e dar a coñecer diferentes formas de preparalo.
As exposicións de embarcacións, da maqueta da vila de Portonovo nos anos 60, a organizada por amigos da Dorna, a vespa raiada e a música e os espectáculos tamén conseguiron dinamizar e animar a festa.
Un dos momentos máis emotivos e que máis público concentrou na carpa foi o acto de entrega da Raia de Ouro, que este ano quixo recoñecer unha traxectoria de 25 anos e o traballo diario do Club de Xubilados de Portonovo.
Relacionadas:
-
Portonovo atrasa a Festa da Raia para que non coincida coas eleccións xerais
Por Redacción |
-
A Festa da Raia celebrarase a última fin de semana de abril
Por Redacción |
-
A feira artesanal de Portonovo ampliará a súa duración a tres meses
Por Redacción |
-
A Festa da Raia incluirá unha gran "cantada popular"
Por Redacción |