Catorce policías "enferman" ao mesmo tempo en medio do conflito laboral co Concello
Por Alejandro Espiño
A ausencia de última hora de ata catorce axentes da Policía Local puxo en xaque a celebración, o pasado sábado, da segunda edición do Gran Premio Cidade de Pontevedra. O goberno municipal teno claro. Foi unha mobilización encuberta dentro do conflito laboral aberto entre o Concello e os seus funcionarios.
"O que buscaban era rebentar a actividade ciclista", denunciou o concelleiro de Persoal, Vicente Legísima, asegurou que ao goberno municipal "sorpréndenos" este tipo de mobilizacións, ao entender que é " lexítimo" que os traballadores públicos fagan asembleas e expoñan protestas reguladas, pero estas medidas "non nos agradan".
En concreto, segundo explicou o edil, nove axentes comunicaron que estaban enfermos antes de incorporarse ao traballo e outros cinco fixérono despois de comezar a súa xornada laboral. Todo iso "prexudicando" á cidadanía, ao tratarse dun asunto de seguridade, e á organización da propia proba deportiva.
Os axentes terán que presentar agora xustificantes médicos desas baixas e o Concello, "como sempre nestes casos", analizará os informes presentados.
Esta situación encádrase nun momento conflitivo entre os representantes dos traballadores e o goberno municipal ante a negociación da Relación de Postos de Traballo (RPT), que recolle o cadro de persoal do Concello e as súas retribucións.
Vicente Legísima recoñeceu que as negociacións "non van ao ritmo que nos gustaría", pero negou que estean rotas. O goberno, reiterou, marcouse como obxectivo que os funcionarios poidan compensar a perda do poder adquisitivo que tiveron nos últimos anos. Así, expoñen unha serie de melloras salariais.
En liñas xerais, o edil do BNG detallou que, actualmente, o custo total do persoal laboral do Concello ascende a 19,7 millóns de euros. A oferta presentada polo goberno elevaría esa cifra en 1,1 millóns, máis os 296.000 euros que supón o 1,5% de subida á que obriga o Goberno central. É dicir, un 7% segundo o responsable de Persoal.
A subida sería maior, ata un 11%, no caso da Policía Local. Legísima explicou que un axente basee cobra 25.161 euros ao ano. Coa subida proposta, gañarían 2.783 euros máis. Equivale a cobrar, segundo dixo, 232 euros máis ao mes se se divide en doce mensualidades ou 198 euros se se reparte en catorce pagas.
O concelleiro nacionalista apuntou que hai sindicatos que "se están significando" neste conflito aos que "lles parece ben" que aos traballadores de xustiza súbanlles o salario 131 euros ao mes, pero non o incremento que presentou o goberno para a Policía Local.
"Non estou aquí para mercadear", advertiu Vicente Legísima, que lembrou a "responsabilidade" que teñen os funcionarios cara os cidadáns e insistiu en que o goberno municipal seguirá negociando "dentro dos límites racionais", porque ante protestas como a da Policía Local "a corda ten un límite".
A el, engadiu, "non me van a mover con acción deste tipo". A súa intención é que antes do 30 de maio estean "claras" as liñas de negociación. "Non quero prolongar este tema", engadiu.
Relacionadas:
-
Axentes da Policía Local escollen o acto de lectura do pregón das Festas para exteriorizar o malestar co goberno local
Por Paula Sanmartín & Anxo Lourido |
-
Funcionarios municipais piden ao concelleiro de Persoal que abandone a crispación e retome a negociación
Por Natalia Puga & Paula Sanmartín |
-
Brais Simil vence na segunda edición do Gran Premio Cidade de Pontevedra
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
A asemblea da Policía Local pide a dimisión do concelleiro Vicente Legísima
-
A negociación colectiva atáscase entre o Concello e os seus funcionarios
Por Alejandro Espiño |