Un incendio queima un almacén de ferro no polígono do Pousadoiro
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Os servizos de Emerxencias tiveron que realizar un importante esforzo para controlar o lume que se iniciaba ao redor das 22.00 horas da noite deste domingo nunha nave na que se almacenaban paneis de chapa e carpintería de aluminio na parcela número 8 do polígono do Pousadoiro no municipio de Vilagarcía de Arousa.
Segundo a información facilitada polo 112 Galicia, o lume comezou nun camión, que resultou calcinado na súa totalidade, arderon tamén placas de aluminio que estaban amoreadas e a cuberta superior do inmoble. Ademais, outro camión tamén resultou afectado e o tanque de gasóleo foi selado polos bombeiros para evitar calquera vertedura.
O Consorcio contra Incendios de Vilagarcía e Ribadumia desprazou inicialmente a nove bombeiros con tres camións autobomba e un vehículo autoescalera. Mentres traballaban na extinción do foco tiveron que solicitar apoio aos do Parque do Morrazo debido ás dificultades para facer fronte ás lapas.
Finalmente o lume era controlado ao redor da medianoite, segundo a información facilitada por Protección Civil de Vilagarcía de Arousa. Foi necesario despois controlar a vertedura de augas residuais produto da extinción. Uns minutos antes das 02.00 horas da madrugada, os Bombeiros de Vilagarcía comunicaban ao 112 Galicia o regreso as súas bases de todos os servizos de emerxencias desprazados no punto, dando por rematadas as tarefas de extinción na súa totalidade. Non se rexistraron danos persoais.