Regulan a presenza de gatos nas rúas de Marín a través dunha campaña de esterilización
Por Redacción
O goberno local en colaboración coa asociación "ResPetA" (Rescata, Protexe e Adopta) considera satisfactorios os resultados da campaña posta en marcha a través do programa CES (Captura, esterilización e solta) no municipio para controlar a presenza de gatos rueiros.
Esta campaña consiste en capturar sen dor a estes felinos, a través do uso de caixas trampa. Unha vez recollidos trasládanse ao veterinario para que sexan esterilizados e vacinados. O veterinario marca as orellas cunha pequena muesca para distinguir aos gatos esterilizados e, unha vez realizado este proceso, os animais volven ser soltados na súa colonia de orixe.
Desta forma quérese garantir a vida sa dos felinos, a redución da súa presenza nas rúas e evitar molestias asociadas á presenza de gatos descontrolados que poden provocar malos cheiros, ruídos ou incidentes.
A asociación ResPetA, formada por voluntarios, indica que reciben numerosos avisos dos veciños e, grazas á colaboración económica do Concello, está a regularse a situación das diferentes colonias destes animais.