Cúmprense 100 anos desde a chegada das irmás Doroteas a Pontevedra
Por Redacción
Este 2018 é un ano moi especial para a congregación e, polo tanto, tamén polo colexio. Xa transcorreron 100 anos desde a chegada das irmás Doroteas a Pontevedra.
Tras a revolución portuguesa de 1910, as congregacións relixiosas tiveron que abandonar o país. As irmás Doroteas instaláronse en Tui no ano 1911, onde fundaron unha residencia para atender ás fillas de familias portuguesas que fuxiran xunto a elas.
Aínda que non hai documentos oficiais que o corroboren, sospéitase que as irmás tamén chegaron a Pontevedra en 1911. Nun primeiro momentos, instaláronse na Praza da Verdura. Co paso do tempo, ían chegando novas irmás a esta comunidade coa idea de fundar unha residencia para as alumnas da escola de Maxisterio.
O diario da comunidade instalada na devandita rúa, recolle nas súas páxinas a chegada destas irmás procedentes de Portugal. Aos poucos o número de alumnas foi crecendo, así que a necesidade de aloxar a todas elas obrigou a trasladar a residencia á rúa Santa Clara e despois a Isabel II.
O último paso tivo lugar no ano 1957, cando as irmás trasladáronse ao actual colexio, na rúa Alfonso XIII. O centro contaba xa cun gran número de alumnas, tanto internas como externas. Na década dos 70, as irmás decidiron prescindir do internado e a comunidade trasladouse a vivir ao edificio Vila Paula, sito na mesma rúa, e así dispoñer de todo o centro para facer fronte aos novos retos da educación.
CELEBRACIÓN
Ao longo da semana do 23 ao 27 de abril, desenvolvéronse diversos actos conmemorativos, entre os que destacan a eucaristía concelebrada co arcebispo de Santiago don Julián Barrio e o bispo da Diocese de Tui-Vigo don Luís Quinteiro, ademais doutros sacerdotes achegados ás irmás.
O mércores e o xoves foron días de festa e o centro abriuse para recibir a antigos alumnos e o venres foi a ocasión para celebrar este aniversario cos alumnos actuais nunha xornada que concluíu con música e festa.
Relacionadas:
-
A arte, nexo de unión entre os escolares das Doroteas
Por Gabriela Varela Asorey |
-
Os pastorciños das Doroteas e o seu burrito sabanero
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Un maleteiro cheo de tapóns dos escolares das Doroteas axudará na recuperación de Nahir
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Portas abertas no colexio Doroteas pola súa Semana Cultural
Por Oskar Viéitez |