Unha fonte cibernética revoluciona a praza Massó
Por Redacción
A praza Massó de Bueu xa loce unha imaxe renovada e, no centro dela, situouse unha fonte cibernética transitable. As obras, con cargo ao Plan Concellos da Deputación, tiveron un custo total de 48.375 euros.
A fonte conta con iluminación LED e cun sistema interactivo de xogo, co que se reforzará o carácter lúdico da Praza Massó, que fora creada no 2009 como unha zona de lecer e de celebración de diversos eventos ao aire libre.
O espazo ocupado pola fonte é de aproximadamente 7,00 x 7,40 metros e sitúase xustamente onde estaba o estanque anteriormente.
Ademais, esta instalación funcionará en circuíto pechado, non precisándose máis achega de auga que o necesario para repoñer as perdas causadas pola evaporación e o vento, e tamén se prevé a instalación de equipos de tratamento e cloración que garantan a calidade da auga.
Por último, o proxecto contempla a mellora do espazo con outros mecanismos como son a iluminación e a instalación de paneis informativos e de sensores pisadores.
As obras foron executadas pola empresa Rocas Graníticas del Condado e permitiron adecuar un espazo que actualmente se atopaba obsoleto, dado o mal estado de conservación do estanque, algo que impedía o goce pleno da cidadanía.
Os traballos incluíron tamén a execución de recheo, a pavimentación e a adaptación da contorna para persoas con mobilidade reducida.