A Deputación achega 650.000 euros para obras no camiño do Loureiro e no campo de fútbol da Seca
Por Oskar Viéitez
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar este venres dúas novas achegas para o Concello de Poio que suman un total de 646.958,42 euros.
En concreto, tal e como informou Carmela Silva, a institución provincial achegará a Poio 167.708,01 euros para financiar o investimento na rede de saneamento e pavimentación en camiño do Loureiro e 479.250,41 euros para a mellora e rehabilitación do campo de fútbol municipal da Seca.
Estes preto de 650.000 euros que recibe Poio, correspondentes á liña 1 de investimentos, súmanse aos 56.895,20 euros que xa recibira anteriormente para a humanización do entorno da Igrexa de San Gregorio de Raxó, e aos 234.617,87 euros para contratar a 31 traballadores.
Poio, ao abeiro do Plan Concellos 2018, ten a súa disposición 1.780.543,66 euros, un 76,64% máis que o ano pasado. Deste xeito, Poio xa ten recibido o 52,7%, isto é 938.471,49 euros.