Investimento de 306.000 euros para a rehabilitación dos Baños de San Xusto e o local da Banda de Tenorio
Por Redacción
O goberno local de Cerdedo-Cotobade aprobou nunha sesión plenaria extraordinaria diversas cuestións económicas, entre as que destaca a solicitude dun crédito con cargo ao remanente de tesourería por valor de 306.000 euros.
Este diñeiro será investido na modernización do local social da Banda de Música de Tenorio (120.000 euros) e na rehabilitación dos Baños de San Xusto (186.000 euros), na parte do orzamento da reforma que corresponde ao Concello, que xa son de titularidade municipal tras finalizar un complexo proceso administrativo.
O orzamento total das obras nos Baños de San Xusto, que pretenden recuperar o antigo complexo termal a beiras do río Lérez, ascenderá a 687.000 euros, segundo comunicou a Xunta de Galicia.
"Trátase dunha actuación ambiciosa polo que vin no proxecto e comprobei na mesma zona" sinalou o presidente municipal, Jorge Cubela.
Ademais o pleno extraordinario serviu para aprobar os orzamentos municipais de 2018, un proxecto de contas que ascende a 5,11 millóns de euros tras crecer un 3,3% respecto ao do ano anterior.
As contas municipais, asegura o goberno local, caracterízanse pola conxelación de impostos, a contención do gasto mantendo unha soa dedicación exclusiva, a situación de débeda cero, o reforzo dos servizos públicos e un amplo Plan de Investimentos con fondos propios.
CRÍTICAS DO GRUPO SOCIALISTA
Precisamente respecto diso dos orzamentos pronunciouse a portavoz local do Partido Socialista, Lina Garrido, criticando que "os criterios máis importantes que provocaron a fusión non ven reflectidos".
Garrido ve "brutais" os custos de persoal, e quéixase das falta de medidas para fomentar o asentamento poboacional como impulsar vivendas en réxime de aluguer ou promoción de vivendas públicas. Ademais, defenden os socialistas, o fomento e a creación de emprego "debería ser a maior preocupación" do Concello.
Relacionadas:
-
O proxecto para a rehabilitación da emblemática zona termal de San Xusto encara a recta final
Por Redacción |
-
Autorizan o acceso ás augas medicinais da Freixa
Por Redacción |
-
O Concello comprará terreos para construír un local social en Fentáns
Por Redacción |
-
Os Baños de San Xusto pasarán a ser un balneario con pozas públicas
Por Redacción |
-
Cerdedo-Cotobade eleva o seu orzamento ata os 5,11 millóns de euros para 2018
Por Redacción |
-
A parcela dos Baños de San Xusto e a antiga minicentral serán municipalizadas
Por Redacción |