Estes días mozos do CPI Progreso de Catoira e de Dundalk, Irlanda, conviven nese municipio pontevedrés ao amparo dun programa Erasmus+. Desde hai tres anos desenvolven estes proxectos europeos que teñen como eixo condutor a tradición viquinga, concretamente neste caso "Os procesos de paz desde os viquingos ata os Acordos de Venres Santo", como explica Fernando San Martín, profesor do centro catoirense.
Desde o 22 ata o domingo 29 de abril están a ser días intensos con múltiples actividades gastronómicas, turísticas, etnográficas, deportivas, culturais, deportivas,etc... como contan Aroa Martínez e Roi Lorenzo, dous dos mozos pontevedreses participantes nestas Conversas na Ferrería.
Alfonso de la Mata é madrileño, con familia de orixe pontevedresa e estuda en Irlanda. Estes días tamén participa do intercambio co engadido de exercer de tradutor cos seus compañeiros irlandeses. Neil, un dos mozos irlandeses que se pon ante os micrófonos de PontevedraViva Radio, móstrase encantado coa experiencia que está a vivir esta semana en Galicia.
Este intercambio de 15 alumnos de terceiro curso da ESO, terá o seu retorno en Irlanda a partir do 6 de maio, como explica Manolo Calaza, outro dos profesores pontevedreses que acompañan a visita.