O alcalde visita as obras de humanización do lugar de Cernedo
Por Redacción
O alcalde da Lama, Jorge Canda, en compañía do tenente de alcalde Emilio Canda comprobou este martes a boa marcha das obras de humanización e mellora de acceso ao lugar de Cernedo onde se está executando unha actuación promovida polo Concello.
Ademais de renovar e mellorar o pavimento de acceso ás vivendas tamén se acomete a mellora da contorna da fonte e dun grupo de sete hórreos que presiden a entrada ao núcleo rural.
Jorge Canda expresou o seu compromiso de seguir apostando polos máis de 90 núcleos rurais habitados do municipio para axudar nos procesos de humanización e mellora de acceso ás vivendas así como do tráfico rodado que son basicamente as principais reivindicacións dos residentes en Cernedo.
Estas actuacións inclúense dentro do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra e a intención do equipo de goberno é estendelo ao maior número de lugares do municipio.