RADIO.- Volve a Pontevedrada: un camiño para escoitar, aprender e solidarizarse
Por Sara López Lago
"O éxito non é o número de inscritos, é o incremento de persoas que se animan a doar." Son as palabras de Raúl Álvarez, xornalista de profesión e promotor da Pontevedrada, unha marcha nocturna solidaria que xa vai pola súa oitava edición e que pretende concienciar sobre a importancia da doazón de sangue, órganos e tecidos. Natural da Rioxa e residente en Pontevedra, neste Cara a cara fálanos de como xurdiu a idea, da importancia do traballo en equipo e, sobre todo, da necesidade de seguir fomentando ao máximo as doazóns.
Este sábado 28 de abril os 'marchosos' partirán desde a Praza da Ferrería en dirección á Praza do Obradoiro, seguindo o Camiño Portugués a Santiago de Compostela, nun percorrido no que "o importante non é terminar, é vivir a experiencia e o que aprendes nela".
Unha gran cantidade de asociacións e colectivos da provincia participan na Pontevedrada voluntariamente. Tamén dan apoio no camiño de maneira completamente altruista moitos locais e restaurantes, fisioterapeutas e osteópatas, así como a Garda Civil e Protección Civil. Estos son os alicerces que permiten que a camiñada de 63 quilómetros siga repetíndose ano tras ano, explica Raúl en PontevedraViva Radio.
Na primeira edición empezaron sendo dúas persoas e a día de hoxe xa contan con máis dun milleiro de inscritos. Quen aínda non se apuntou pode achegarse á páxina web de asampo.org ou aos teléfonos 619 566 303 / 620 821 567, achegando unha doazón solidaria de 5 euros. O prazo para apuntarse remata el 25 de abril ás 00:00.