O Concello de Pontevedra, defraudado co "trágala" da Xunta, pide tempo para estudar o plan de transporte metropolitano
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
O concelleiro de Mobilidade e Transporte do Concello de Pontevedra, Demetrio Gómez pediu tempo á Xunta para estudar o Plan de Transporte Metropolitano. O concelleiro nacionalista asegura estar "defraudado" co "trágala" imposto aos concellos da área de Pontevedra na reunión celebrada este martes na delegación territorial da Xunta coa conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, e o director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro.
Ethel Vázquez explicou que este Plan de transporte metropolitano bonificará máis de 2 millóns de viaxes ao ano, cun orzamento de 1,4 millóns de euros, do que a Xunta achegará o 70%.
Os municipios convocados para abordar a posta en marcha do plan son Barro, Bueu, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, Marín, Moraña, Poio, Ponte Caldelas, Pontevedra, Sanxenxo, Soutomaior e Vilaboa.
Vázquez Mourelle entregou aos representantes municipais o borrador de convenio mediante o que se articulará este plan social con bonificacións tarifarias, por exemplo que os menores de 19 anos poidan viaxar gratis.
Segundo o concelleiro pontevedrés, Demetrio Gómez esta proposta que se lles presentou por parte da Consellería "foi un trágala sen posibilidade xa non de negociar senón case nin de estudar".
Sobre o financiamento deste Plan, Demetrio Gómez concretou que "ao Concello de Pontevedra pídenselle ao redor de 1.400.000 euros" a razón duns 300.000 euros anuais durante catro anos.
Pola súa banda a conselleira subliñou a importancia de contar coas achegas e a colaboración dos concellos para abordar este proceso do que "se poderán beneficiar preto de dous millóns de viaxes ao ano".
Demetrio Gómez evitou a entrar a valorar a proposta porque o Goberno local "necesita tempo para estudala" e tampouco lle quedou claro se se poden facer achegas e de que profundidade. "Visto por enriba dá a sensación que as medidas que aparecen tenden ao fracaso" dixo Demetrio Gómez "porque son medidas tarifarias fracasadas noutros sitios onde se implantaron", engadiu.
Igualmente o representante do Concello de Pontevedra rexeita negociar "a cegas" xa que desde a Xunta negáronse "en redondo" a achegar datos de como está a funcionar este convenio " mimético" ao implantado noutras áreas de Galicia. Ademais tampouco saben "nada" do documento básico sobre as liñas de transporte que a Consellería ten previsto presentar o 30 de abril.
Ethel Vázquez tamén aproveitou para trasladarlle ao Concello de Pontevedra que este é o momento máis oportuno para que active o transporte urbano, "que ten o deber de prestar" e que "permitiría facer o deseño a unha escala moito menor", dando mellores solucións aos cidadáns.
Neste senso, o concelleiro pontevedrés Demetrio Gómez sinalou que a conselleira "ten un problema terminolóxico ou conceptual" porque "en Pontevedra hai transporte urbano" e citou á liña de autobuses do barrio de Monte Porreiro para afirmar que "a conselleira non termina de entender a diferenza entre transporte urbano e municipal".
Demetrio Gómez recoñeceu que unha das posibilidades que están encima da mesa é que o Concello de Pontevedra exclúase da firma deste convenio, aínda que "o noso interese é contribuír á mellora do transporte público" pero "cando estudemos o convenio e saibamos algo máis del, entón poderemos opinar", concluíu.
Ethel Vázquez lembrou que o Goberno galego tamén continúa traballando para mellorar o transporte público na área para 2019, data de caducidade das actuais concesións de transporte por estrada. Con ese obxectivo, neste mes sairá a información pública o documento base do Plan de transporte público de Galicia, abrindo así o primeiro dos dous procesos de participación pública nos que calquera administración, colectivo ou particular poderán facer as súas achegas.
Relacionadas:
-
A Xunta descontará o custo do transporte urbano ao Concello se este non asume este servizo voluntariamente
Por Oskar Viéitez |
-
O PSOE pide ao goberno local unha reunión en setembro para falar do autobús a Monte Porreiro
Por Redacción |
-
O Concello plantará á Xunta nunha reunión sobre o plan de transporte pola súa "improvisación"
Por Natalia Puga |
-
Feijóo asegura estar convencido de que haberá transporte metropolitano en Pontevedra
Por Redacción |
-
A Xunta convoca o alcalde de Pontevedra a unha xuntanza para abordar o transporte metropolitano na comarca
Por Oskar Viéitez |
-
Moreira ve unha "trampa" a comisión técnica proposta polo BNG para o transporte metropolitano
Por Oskar Viéitez |
-
O Concello propón á Xunta crear unha "comisión técnica bilateral" sobre o transporte público